Novas

A artesanía de Galicia e a alta cociña danse a man o domingo e o luns nas I Xornadas profesionais ‘Artesanía no prato’

27-9-2017

A Consellería de Economía, Emprego e Industria organiza este encontro na Cidade da Cultura que nace co obxectivo de converterse nun evento de referencia para a promoción e comercialización do produto artesán galego. Un total de 32 obradoiros presentarán os seus traballos nun espazo creativo que porá en valor o uso na gastronomía de pezas únicas e feitas a man. O programa de actividades permitirá aos visitantes tomar contacto cunha oferta da artesanía galega actual e que pon en valor a cultura e os valores tradicionais coa mirada posta no futuro.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, presentaron hoxe as I Xornadas profesionais Artesanía no Prato, que se celebrarán este domingo 1 e o luns 2 de outubro e nas que a Artesanía de Galicia e a alta cociña se darán da man.

Na presentación, na que tamén participaron a cociñeira do Grupo Nove Lucía Freitas, do restaurante A Tafona, e o ceramista Nano Unzueta, a directora xeral de Comercio e Consumo salientou que este encontro nace co obxectivo de converterse nun evento de referencia para a promoción e comercialización do produto artesanal galego, fomentando un espazo creativo desde o cal se desenvolverán experiencias que evidenciarán o potencial do valor da artesanía no ámbito da hostalería e a restauración.

Nesta primeira edición, que se celebrará en horario de 11 a 21.30 horas, participarán no espazo Artesanía de Galicia 32 obradoiros artesanais que exporán unha selección dos seus produtos, focalizando a atención na experimentación con novos materiais. Búscase así estreitar lazos profesionais, crear novos contactos e servir como xermolo de proxectos futuros no eido da cociña e a restauración.

No Espazo Auditorio o programa de actividades, aberto ao público, permitirá aos visitantes tomar contacto cunha oferta da artesanía galega actual e que pon en valor a cultura e os valores tradicionais pero tamén coa mirada posta no futuro.

O domingo haberá cursos de formación, previa inscrición, da man do artista plástico e fotógrafo portugués José Lourenço e un ciclo de Conversas, experiencias e boas prácticas, de entrada libre, con conferencias de deseñadores como Ana Roquero de Cookplay, artesás como Inés Rodríguez, de Rir Artesanía, que presentará o proxecto de colaboración co cociñeiro Pepe Solla e a xornalista María Solar, e tamén a conversa de Félix Sánz, director do CEARCAL (Centro Rexional de Artesanía de Castela e León).

Neste mesmo espazo, o luns, día 2 as 16:30 proxectarase o documental Cociñando na fin do mundo. Unha viaxe pola nova cociña, 2015, dirixido por Alberto Baamonde Bello da produtora Esmerarte. Trátase dunha longametraxe galardoada co Premio Álvaro Cunqueiro de periodismo gastronómico tras a seu pasos polos festivais de San Sebastián e Málaga.
Xa ás 18:30 proxectarase a película 18 Comidas, dirixida por Jorge Coira das produtoras TIC TAC Producciones, Zircocine, e lagarto Cine.

Nas xornadas tamén haberá un Espazo Cociña, reservado a potenciais prescritores, no que a cociña e a artesanía galega se maridan ao longo dos dous días con diferentes accións a cargo do grupo Abastos (Santiago de Compostela); Pepe Solla (Casa Solla, Poio), Lucía Freitas (A Tafona, Santiago de Compostela) e Juan Crujeiras (Bido Restaurante, A Coruña) integrantes do Grupo Nove. O luns Jorge Gago (A Maceta, Santiago de Compostela), Álvaro Fuentes (A Meloxeira, O Grove) e Diego López “Moli” (A Molinera, Lalín) participarán no programa Artesanía na lata, cociñando con conservas certificadas de PescadeRías.

Ademais, nesta mesma zona para prescritores o programa Do prato á mesa contará con espazos temáticos dedicados a diferentes produtos como o pan da man de Eladio Pazos (Santiago de Compostela), os queixos das diferentes D.O.P a cargo de Faragulla Eventos (Chantada), o xamón de Torre de Nuñez, o sushi bar de Izakaya Markesa (Santiago de Compostela), os doces de A Maceta (Santiago de Compostela), o café de Óscar de Toro e os viños das diferentes denominacións de orixe protexidas. Un espazo onde os produtos gastronómicos xúntanse coa Artesanía de Galicia. O programa completo e as inscricións para asistir aos cursos de formación estará dispoñible na páxina web http://artesaniadegalicia.xunta.gal/

Obradoiros participantes

Os obradoiros artesanais que presentarán os seus produtos nesta primeira edición das Xornadas Artesanía no Prato son Adriana Echeverría - MAGMA (Pontevedra); Alfarería O Rulo (Buño - Malpica de Bergantiños); Armaior (Quiroga); Arteviares (A Coruña); Artesanía Ferradáns (A Estrada); Atalanta Madera (A Estrada); Carlos San Claudio (Vigo); Cerámica Suve (Cangas); Cerámica Unzueta (Brión); Coitelos Fonsagrada CF (A Fonsagrada); Degerónimo (Santiago de Compostela); Estudio Estampa (Mondoñedo); Fani Sánchez Barreiro Cerámica (A Coruña); Fernando Porto (A Estrada); Galeare (Xinzo de Limia); Idoia Cuesta (Outeiro de Rei); La Platanera (Illa de Arousa); Laura Delgado (Cambre); Lorenzo Design (Santiago de Compostela); Madriguera Workshop (Miño); Manuel Figueiras (Muros), María Feijóo (Santiago de Compostela); Medialúa (Santiago de Compostela); Noroeste (Santiago de Compostela); Ojea Studio (Vigo); Olería Aparicio (Buño - Malpica de Bergantiños); Pepe Otero Oleiro (A Coruña); Rectoral de Gundivós (Sober); Regal Cerámica (Viveiro); Rir & Co. (Allariz); Verónica Moar (A Coruña) e Víctor Ares (A Coruña).