Novas

A música de Galifunk Brass e a cociña de Jorge Gago e Lucía Freitas protagonizan a primeira xornada do ‘Corazón da artesanía’

6-7-2017

O VI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia bota andar mañá no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada cunha programación que durante tres días une oficios tradicionais, gastronomía e actuacións artísticas. Mañá empezan tamén os diferentes cursos especializados, así como os obradoiros gratuítos para toda a familia nos que se poderá experimentar coa cerámica, o manipulado de papel, a elaboración de calzado tradicional ou o tecido. Para facilitar a asistencia, haberá autobuses gratuítos desde Lalín e Melide e unha zona habilitada para cámping tamén de balde.

O VI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia Corazón da Artesanía bota andar mañá cunha programación que durante tres días une oficios tradicionais, gastronomía e actuacións musicais. A apertura será a partir das 11:30 horas, e a inauguración oficial será ás 12:30 horas.

Ademais das actividades que se desenvolverán ao longo dos tres días deste Encontro, para mañá están previstos no pendello O Paladar os showcookings de Jorge Gago, do Restaurante A Maceta, e Lucía Freitas, membro do Grupo Nove, do Restaurante A Tafona, ambos en Santiago de Compostela, que prepararán os seus pratos ás 14:00 e ás 20:30 horas, respectivamente. Estas exhibicións, que forman parte da iniciativa Artesanía no Prato, terán como soporte pezas de Artesanía de Galicia, para conseguir unha maridaxe entre as mellores propostas da cociña atlántica e as creacións de diferentes obradoiros artesáns.

Pola noite a praza do Concello de Agolada acollerá, a partir das 22:30 horas, a actuación de Galifunk Brass, que, buscando sempre ser orixinais e inspirándose nas brass band americanas, amosarán un repertorio amplo e variado, con arranxos propios e innovadores.

No Corazón da Artesanía, organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, poderá verse o traballo de 50 obradoiros artesáns, que representan a 23 oficios diferentes. Desde mañá nos distintos pendellos haberá 33 postos de exposición e venda de produtos de artesanía, mentres que os restantes artesáns serán os encargados dos diferentes talleres. Tanto o público infantil como o adulto que visite Agolada poderá participar en obradoiros abertos nos que iniciarse no gravado, a elaboración de calzado con materiais reciclados, o papel, a cerámica ou os tapices.

Ademais, para os profesionais e público interesado a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño pon en marcha diferentes cursos formativos centrados na cestería tradional, a ourivería, a fotografía, o debuxo, a marroquinería, a sombreirería e os instrumentos musicais.

O Corazón da Artesanía é un espazo de diálogo entre a artesanía, o deseño, a arquitectura e moda, de reflexión sobre o proceso creativo e de novas propostas sobre a interacción da artesanía no desenvolvemento do rural. Oficios tradicionais, gastronomía e música irán de novo da man nunha cita á que asistiron o ano pasado máis de 8.000 visitantes.
No ámbito da gastronomía, poderán visitarse 50 postos de produtos alimentarios de calidade, onde haberá espazo para conservas, licores, mel ou doces. Ademais, haberá diferentes food trucks na praza da vila para complementar a oferta gastronómica.

Para facilitar a asistencia ao VI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, unha vez máis haberá autobuses de balde de ida e volta desde Lalín e Melide. Mañá, sairán de Lalín a Agolada ás 17:00 e ás 20:00 horas da Praza da Marina, con regreso desde a agolense Avenida do Concello 69 cara Lalín ás 19:00 e ás 00:30 horas. Desde Melide, mañá venres sairá un autobús ás 18:00 horas do cruce da Estrada de Agolada, e regreso desde a Avenida do Concello, 69 en Agolada ás 23:45 horas. Ademais, haberá zona gratuíta habilitada para cámping.