Novas

A Xunta abre o prazo de inscrición aos cursos de formación que formarán parte do ‘Corazón da artesanía’

9-6-2017

No marco do VI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebrará do 7 ao 9 de xullo en Agolada, organízanse oito cursos centrados na cestería tradicional, a ourivería, a fotografía, o debuxo, a marroquinería, a sombreirería e os instrumentos musicais. Esta oferta complétase con outros obradoiros abertos a visitantes de todas as idades, que poderán iniciarse no gravado, a elaboración de calzado con materiais reciclados, o papel, a cerámica ou os tapices. Oficios tradicionais, gastronomía e música irán de novo da man nunha cita xa consolidada á que asistiron o ano pasado máis de 8.000 visitantes.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, aposta pola oferta formativa para o sector artesán galego coa organización de oito cursos que se celebrarán en Agolada (Pontevedra) no marco do VI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia. Corazón da Artesanía, do 7 ao 9 de xullo.

A cestería, a ourivería, a fotografía, o debuxo, a marroquinería, a sombreirería e os instrumentos musicais son as áreas nas que se centran estas actividades nas que poderán participar todos os interesados no sector artesanal galego e que xa foron publicadas na páxina web de Artesanía de Galicia. Esta oferta complétase con outros obradoiros abertos a visitantes de todas as idades, que poderán iniciarse no gravado, a elaboración de calzado con materiais reciclados, o papel, a cerámica ou os tapices, sen necesidade de inscrición previa.

Entre os cursos formativos con inscrición destaca o que impartirá o artesán vigués Antonio Suárez, sobre Técnicas de cestería con vimbio, no que os asistentes traballarán as principais técnicas de tecido do vimbio para a elaboración de pezas da cestería tradicional galega.

A ourive compostelá Susi Gesto impartirá un Obradoiro de ourivaría. Dun día de duración, traballarase na evolución e historia da ourivaría compostelá e nas principais técnicas de deseño que a docente emprega no seu obradoiro. Realizarase a mesma sesión nos tres días do evento para alumnos diferentes cada unha delas.

O cesteiro de Pazos de Borbén Álvaro M. Leiro será o encargado do curso de Técnicas de cestería con palla e silveira. Centrarase na evolución da técnica de cosedura en espiral empregando a silveira para coser e a palla de centeo para o corpo de recheo do cesto. Requírese coñecementos previos de cestería con palla.

Construción dunha viola medieval será impartido por Xermán Arias do obradoiro Arxemil Luthería localizado en Sarria (Lugo). Os asistentes reproducirán unha viola medieval de forma oval, tomando como referencia o Pórtico da Gloria, da catedral de Santiago de Compostela, concretamente o ancián número seis.

Tamén haberá un Obradoiro de fotografía para artesáns impartido polo fotógrafo alemán e residente en Lugo, Peter Schneider, dirixido a profesionais da artesanía que desexen realizar as fotografías dos seus produtos para a súa promoción en redes sociais ou páxinas web. Ensinaranse as funcións básicas da cámara, a lente e o seu uso, diafragma, obturador, histograma, enfoque e outros programas.

Iniciación ao repuxado en coiro será impartido pola artesá Rosa Castro, do obradoiro vigués Encoiros. Os asistentes aprenderán as técnicas de repuxado e tinguido, cosido á man para a súa posterior aplicación a cadernos e escribanías ou outras finalidades.

O Obradoiro de sombreirería correrá a cargo da artesá pontevedresa Viviana Araujo. Tras o deseño, o coñecemento dos materiais, o moldeado e a montaxe das pezas elaborarase un sombreiro ou unha base de crochet de buntal, un sombreiro ou peza con Buckram, tea e sinamay e unha á de sisal con banda e adorno (tipo pamela).

Pola súa banda, o debuxante de cadernos Alfredo Ugarte “Urumo” guiará aos asistentes na arte do debuxo de rúa. Previamente, elaborarase un caderno físico coa axuda do encadernador Pablo Otero Pino, en forma de acordeón co fin de debuxar nel o ambiente dos pendellos de Agolada.

Os interesados en participar nestas actividades formativas teñen toda a información dispoñible e os formularios de solicitude de participación na páxina web de Artesanía de Galicia.

Obradoiros para toda a familia
Esta oferta compleméntase con outros obradoiros abertos aos visitantes e que non requiren inscrición previa como o de Iniciación ao gravado que impartirá o artesán vigués Xabier de Sousa; Polos pés. Elaboración de calzado tradicional con materiais reciclados que dirixirán os artesáns María José Martínez, José Antonio Carrera e Aroa Veiga; ou o de Manipulado de papel que impartirá Palmira Castro do obradoiro Mimadriña. Tamén haberá un obradoiro de Iniciación ao torno cerámico que dirixirán os ceramistas Susana González, Antón Román e Roberto Piñeiro; un de Papel Marmolado que impartirá o encadernador Pablo Otero de Pino Encuadernaciones; e en Todos a Tecer a artesá Marina Seoane elaborará colectivamente cos asistentes varios tapices téxtiles nun gran bastidor cúbico.

O Corazón da Artesanía en Agolada converteuse nestes anos nun espazo de diálogo entre a artesanía, o deseño, a arquitectura e a moda, de reflexión sobre o proceso creativo e de novas propostas sobre a interacción da artesanía no desenvolvemento do rural. Oficios tradicionais, gastronomía e música irán de novo da man nunha cita xa consolidada á que asistiron o ano pasado máis de 8.000 visitantes.