Novas

A Xunta abre o prazo de solicitude para a formación de 80 aprendices no sector da artesanía galega

 

10-3-2018

O Diario Oficial de Galicia (DOG) acaba de publicar esta iniciativa na que a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste un millón de euros para impulsar o relevo xeracional neste eido. As firmas e os aprendices subscribirán acordos de colaboración para levar a cabo unha formación dual, tanto teórica como práctica, por un período máximo dun ano e para a que os artesáns poderán recibir unha axuda máxima de 12.000 euros. As inscricións poderán facerse ata o próximo 15 de setembro. Os alumnos contarán, ao remate da iniciativa, cun certificado acreditativo das horas, período e contidos da formación.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) acaba de publicar a orde de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria para formar a 80 aprendices no sector da artesanía galega co obxectivo de impulsar o relevo xeracional neste ámbito. Trátase dun novo proxecto no que a Xunta inviste un millón de euros co obxectivo principal de orixinar procesos de transmisión das técnicas artesanais.

A cualificación enmárcanse dentro do obxectivo fixado pola Administración autonómica de ofrecer unha formación dual, é dicir, tanto teórica como práctica. Dita cualificación, que será por un período mínimo de 6 meses e máximo dun ano, impartirase nos propios obradoiros artesanais baixo a supervisión dun titor que deberá ter a formación e experiencia necesarias. Ao remate do período formativo, a empresa terá que expedir un certificado ao bolseiro acreditativo das horas, período e contidos de dita formación.

O prazo de solicitude estará aberto ata o próximo 15 de setembro, ou ben ata que se esgote o crédito, xa que será por concorrencia non competitiva.

Serán os artesáns e aprendices os que subscriban o acordo de formación para levar a cabo as prácticas non laborais. A Xunta financiará o 100% do programa, sen ningún custe para os artesáns. A solicitude de axuda á Consellería de Economía, Emprego e Industria presentarase unha vez que o artesán e o bolseiro asinen o acordo para a cualificación, que poderá ser como mínimo de 6 meses e dun máximo dun ano.

A Xunta, que inclúe esta iniciativa dentro do seu plan de impulso da Artesanía 2020, farase cargo do importe total da axuda de xeito anticipado. Cada artesán, que terá que estar inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, recibirá unha contía fixa de 200 euros ao mes para sufragar os gastos de Seguridade Social e de funxibles e materiais, ademais do importe que lle corresponderá ao alumno por participar na bolsa, que será de 800 euros ao mes no caso de que o proxecto teña unha duración dun ano e sexa a xornada completa. Se a empresa conta con 6 ou máis traballadores poderá solicitar ata 2 aprendices, polo que se duplicaría o importe da axuda.

O sector da artesanía en Galicia está en auxe con preto de 3000 artesáns rexistrados e máis de 60 tendas e 550 obradoiros, dando emprego a máis de 5000 persoas. Este ámbito estase a consolidar como unha vía de dinamización económica e turística, especialmente no rural. Por iso, tendo en conta o potencial da artesanía para xerar autoemprego, a Xunta impulsa este programa para asegurar o relevo xeracional favorecendo así as vocacións e a divulgación das técnicas artesanais.

É preciso ter en conta, ademais, que este sector é un dos mellores viveiros empresariais de novos creadores, co que se contribúe tamén a impulsar o talento en Galicia. Do que se trata, en definitiva, é de potenciar as actividades artesanais, asegurar a súa pervivencia e facilitar o acceso ao mundo laboral das persoas que teñan formación en actuacións relacionadas cos oficios artesanais.