Novas

A Xunta achega a artesanía aos máis pequenos cun obradoiro de encadernación na Feira do Libro de Santiago

6-5-2017

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, asistiron hoxe ao taller impartido pola artesá Maria José Martínez. A actividade celebrarase tamén nas feiras de Lugo, Ourense, Vigo, A Coruña e Monforte de Lemos.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, visitaron hoxe na Feira do Libro que se celebra na Alameda de Santiago de Compostela o obradoiro organizado por Artesanía de Galicia no que os nenos e nenas puideron coñecer de preto algunhas das técnicas que se empregan para a encadernación de libros da man da artesá María José Martínez.

Artesanía de Galicia tamén ten previsto organizar este obradoiro para os máis pequenos nas feiras do libro de Lugo, o 17 de maio; en Ourense o día 4 de xuño; en Vigo o 30 de xuño, na Coruña o día 5 de agosto; e en Monforte de Lemos o día 25 dese mesmo mes.

A organización destas actividades de divulgación e posta en valor da artesanía forma parte da estratexia da Consellería de Economía, Emprego e Industria para promover o talento artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal.

As Feiras do Libro, organizadas pola Federación de Librarías de Galicia co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, participan nos espazos da rúa para darlle visibilidade ao libro e favorecer un achegamento doado á produción editorial galega. Celébranse cada ano en diversas vilas e cidades galegas, nos meses de primavera e verán, con postos de venda de exemplares xestionados polos libreiros, que se completa cunha extensa programación de actividades paralelas, como charlas, encontros con autores, espectáculos infantís, presentacións de libros, etc., que fan destes eventos unha cita de alto interese cultural.