Novas

A Xunta apoia a celebración da novena edición da Fía da la que se celebra no concello coruñés de Cabanas

2-9-2017

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, asisten á inauguración da IX Fía da la que organiza a Asociación de Mulleres Cabanas Rural. O evento, que se celebra ata o domingo no polideportivo de Lavandeira, supón un impulso á divulgación da artesanía tradicional galega.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, asistiron ao acto de inauguración da novena edición da Fía da la que ten lugar, ata mañá domingo, no pavillón de Lavandeira de Cabanas, na Coruña. Organizado pola Asociación de Mulleres Cabanas Rural, o evento contou coa explicación do proceso do fiado da la.

No programa de actividades recóllense, ademais da demostración do fiado, obradoiros de iniciación, un obradoiro de fiado artístico a cargo da artesá Lola de Logaro, actividades para nenos e nenas, exposicións e a actuación da Agrupación Cultural Airiños da Capela.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia este evento que ademais de supoñer unha promoción desta zona, persegue recuperar e asegurar a pervivencia de oficios artesanais que pola súa tradición e calidade, se consideran parte integrante do patrimonio cultural de Galicia.