Novas

A Xunta apoia a celebración da XXIII exaltación da fía do liño que se celebra na localidade coruñesa de Baio

1-5-2017

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, salienta que o evento supón un impulso á divulgación da artesanía tradicional galega.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, asistiron hoxe á XXIII Exaltación da Fía do Liño de Zas, que organiza a Asociación de Amigos do Liño para rememorar as festas que se organizaban antigamente con motivo das tradicionais fiadas.

O encontro conta cunha demostración de fiado e do traballo realizado polos artesáns e artesás para transformar a planta do liño nun tecido de múltiples usos. No programa de actividades do evento recóllense a maiores da demostración do fiado amenizado por pandereteiras, un xantar co menú tradicional da fiada, un desfile de moda no que o liño será o gran protagonista e actuación de Tania Fuegho.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia este evento que ademais de supoñer unha promoción desta zona da Costa da Morte, contribúe á divulgación da artesanía tradicional galega.