Novas

A Xunta apoia a creatividade do concurso infantil ‘Deseña unha xoia para túa nai’

 

27-4-2018

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asisten esta tarde á cerimonia de entrega dos galardóns da iniciativa organizada polo Colexio Oficial de Xoiaría na que se reta aos máis pequenos a debuxar a xoia que lles gustaría regalar no Día da Nai. O xurado seleccionou 80 finalistas, entre os que sairán os 12 gañadores que hoxe se darán a coñecer e cuxo premio será a execución dos seus deseños a cargo de xoieiros galegos. Artesanía de Galicia volve colaborar co Colexio Oficial de Xoiaría na organización do curso ‘A maxia de conectar co cliente’ que se celebrará o vindeiro luns, 30 de abril en Santiago de Compostela.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, acompañada pola xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participa esta tarde na cerimonia de entrega de premios do concurso infantil Deseña unha xoia para túa nai, organizado polo Colexio Oficial de Xoiería de Galicia (Coxga) e no que participaron máis de 10.000 escolares galegos de todas as idades, unha cifra récord con respecto a anos anteriores.

O Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia, organizador do certame que este ano chega á súa novena edición, dará a coñecer os doce gañadores, que poderán entregarlle persoalmente ás súas nais as pezas deseñadas por eles mesmos e executadas por xoieiros galegos. A cerimonia será no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago de Compostela a partir das 17.30 horas, nun acto no que estarán presentes 80 nenos finalistas chegados das catro provincias galegas.

Os escolares participantes, diferenciados en categorías por idades, de 0 a 4 anos, de 5 a 7, de 8 a 10 anos e de 11 a 12 anos, debuxaron a xoia que lles gustaría regalar a súa nai. Entre os traballos presentados, o xurado seleccionou 80 finalistas, 20 por categoría, dos cales a metade proceden da provincia de Pontevedra, 24 da Coruña, 8 de Lugo e 8 de Ourense. Nesta selección valorouse a creatividade do autor segundo a súa idade, a súa capacidade para representar a peza no deseño e a viabilidade para executalo.

Ata o momento da cerimonia, os únicos que coñecen o segredo dos gañadores son os xoieiros galegos que estiveron a traballar para converter en realidade as propostas dos nenos. Trátase dos xoieiros pertencentes á marca Artesanía de Galicia Ardentía (Bergondo), Unión Joyera de Bergondo (Bergondo), Óscar Rodríguez Joyeros (Viveiro), Fink Orfebres (Santiago de Compostela), Maysil (A Estrada), Raúl Pesqueira Fariña (Marín) e Soledad Mato (Oroso); de José Rodríguez Morillas, alumno da EASD Mestre Mateo (Santiago de Compostela), Joyería Fernández (Sada) e Joyería Palamios (Pontevedra); así como Joyería Atempo (Santiago de Compostela, A Coruña e Ames) e Alfonso Joyeros (Santiago de Compostela) que actuaron como patrocinadores. Tomando como referencia os debuxos enviados polos nenos, cada un dos xoieiros encargouse da creación dunha ou varias das xoias gañadoras. Tentando manterse o máis fiel posible ao deseño, decidiron o tipo de metal máis apropiado e a interpretación que mellor garantiu a súa execución técnica.

O obxectivo desta iniciativa é animar os escolares de toda Galicia a introducirse no mundo do deseño de xoias e amosarlles como a súa creatividade pode ter unha aplicación práctica, como apoio á súa formación escolar.

Coa colaboración neste proxecto do Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia, a Xunta de Galicia quere dar maior visibilidade á profesión dos xoieiros, achegando ao conxunto da sociedade as posibilidades culturais e laborais que ofrece o sector.

Formación especializada

Neste mes de abril, a Fundación Pública Artesanía de Galicia volve colaborar co Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia na organización dun curso de formación especializada que se celebrará o luns 30 de abril, na EGAP en Santiago de Compostela. A maxia de conectar co cliente estará dirixida por Eloy Gesto, director da EscuelaInventa, que conta cunha ampla experiencia no mundo da comunicación adaptada á venda e, especialmente, no sector da xoiaría xa que provén dunha familia de ourives.

A colaboración e a formación entre os profesionais da artesanía é unha das áreas de traballo que a Xunta de Galicia desexa impulsar, co fin de conservar o coñecemento dos artesáns tradicionais e de promover a incorporación de novos talentos ao sector artesanal galego, consolidándoo coma un sector de prestixio, competitivo e transversal.