Novas

A Xunta apoia a posta en valor do oficio do torneado no XVII encontro internacional de torneiros da madeira en Xermade

22-9-2017

O evento, organizado polo Concello de Xermade coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, converte ata o domingo esta localidade nun espazo de formación e exhibición de referencia do sector artesán galego A inauguración contou coa participación da xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro

A xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, asistiu hoxe á inauguración do XVII Encontro Internacional de Torneiros da Madeira de Xermade, que converterá, do 22 ao 24 de setembro, esta localidade lucense nun espazo de formación e exhibición de referencia do sector artesán galego.

A iniciativa está organizada polo Concello de Xermade e conta coa colaboración principal da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño. O oficio do torneado de madeira é o eixe principal deste evento e nesta edición acollerá cursos especializados a cargo de profesionais de prestixio internacional, como a británica Margaret Garrard, o suízo Jérôme Blanc e os galegos Adrián Pena e Manuel Castro.

O programa de actividades do encontro, que ten lugar no polideportivo municipal e na biblioteca pública, complétase con distintas demostracións e a exposición itinerante de madeira torneada CONtornos. Ao longo destes tres días os visitantes poderán ver unha mostra de pezas torneadas achegadas polos participantes. Tamén haberá exposición e venda de maquinaria, ferramentas e publicacións.