Novas

A Xunta apoia a posta en valor do oficio tradicional da olería colaborando na XXV mostra de Alfaroleiros

7-8-2019

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou hoxe en Oleiros na inauguración deste encontro que acolle ceramistas e oleiros de Galicia, do resto de España e Portugal. As actividades, ademais de demostracións de olería, inclúen obradoiros de artesanía para nenos, actuacións musicais, xogos para os máis cativos e proxección de películas. O evento é un punto de encontro para os profesionais deste oficio e actúa como dinamizador económico e cultural da comarca e do sector artesanal.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, asistiu hoxe en Oleiros á inauguración da XXV edición de Alfaroleiros, que se celebra ata o 11 de agosto na vila de Santa Cruz de Oleiros (A Coruña). Este encontro destaca pola súa relevancia como punto de encontro para os profesionais do oficio da olería e cerámica galegos, do resto de España e Portugal, e como dinamizador económico e cultural da comarca e do sector artesanal.

A feira, que chega neste ano á súa vixésimo quinta edición, é organizada polo Concello de Oleiros e conta tamén coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da orde de axudas para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da competitividade do sector artesanal.

Neste encontro, haberá demostracións e venda de produtos de 25 expositores do oficio da olería e cerámica de Galicia e de distintos puntos de España e Portugal: oito deles representan ás catro provincias galegas, un vén de Coimbra (Portugal) e os 16 restantes proveñen doutras cidades do país (Toledo, Castellón, Xaén, Granada, Córdoba, Salamanca, Segovia, A Rioxa, Cáceres, Zamora e Badajoz).

O programa inclúe tamén obradoiros de artesanía, xogos tradicionais para os máis cativos, proxección de películas e espectáculos de circo, teatro e maxia. Haberá actuacións musicais como os concertos de Gallaecia Big Band, Sandra Calderón Flamenco Band, Adhara&Ritman e Familia Caamagno, así como os concertos participativos de Ernest Martínez.

A colaboración coa organización destas actividades de impulso á conservación dos oficios artesanais tradicionais forma parte da estratexia da Xunta de Galicia en materia de artesanía xa que a recuperación, o mantemento e a divulgación dos oficios artesanais tradicionais constitúe unha ferramenta de dinamización social e de divulgación da cultura galega, ademais de establecer referentes para os novos profesionais que se achegan ao sector artesanal galego.