Novas

A Xunta apoia a visibilización do sector artesán na Coruña participando na iniciativa Oficios en acción

2-4-2017

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou o desenvolvemento dos catro obradoiros que teñen lugar na cidade. A Consellería de Economía, Emprego e Industria colabora, por medio da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, cos diversos proxectos que se organizan en Galicia co motivo dos Días Europeos da Artesanía. Esta semana abriuse o prazo de solicitudes para as axudas para o fomento da comercialización da artesanía galega e da súa competitividade, dirixidas tanto a obradoiros como a concellos ou asociacións, nas que se investirán 215.000 euros.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, acompañada da xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, visitou os catro obradoiros programados na Coruña con motivo da celebración dos Días Europeos da Artesanía. Deste xeito, a Consellería de Economía, Emprego e Industria pretende visibilizar o traballo do sector artesán colaborando coa iniciativa Oficios en acción, que por quinto ano consecutivo organiza a Asociación Galega de Artesáns nesta cidade.

En total son catro actividades simultáneas que se desenvolven na Fundación Luis Seoane e que contan coa participación espontánea das persoas visitantes, un xeito de achegar os oficios artesáns ao público en xeral. Susana González, do Taller Terralume (A Coruña) dirixe a elaboración colectiva dun mural cerámico. Marina Seoane, ilustradora e artesá téxtil, é a monitora dun obradoiro de tapiz. Gustavo Helling, de Plata Nativa, dá as indicacións precisas sobre as técnicas básicas da ourivería para a realización de xoias únicas. Por último, Idoia Cuesta coordina un taller de cestería contemporánea para experimentar os diferentes obxectos que se poden construír con vimbio.

A Xunta de Galicia toma parte na celebración dos Días Europeos da Artesanía, que se veñen celebrando desde o pasado venres, 31 de marzo, e que rematan hoxe, con talleres gratuítos, demostracións de oficios, exposicións e a apertura de portas dos obradoiros artesanais ao público nas catro provincias galegas.

Trátase dunha iniciativa promovida a nivel nacional pola Fundación Española para la Innovación de la Artesanía (Fundesarte) e inspirada nas Journées des métiers d’art, desenvolvidas en Francia desde 2002. Esta convocatoria pretende obter un seguimento cada vez máis amplo de países da Unión Europea. Nesta ocasión conta con vinte participantes: Alemaña, Austria, Bélxica, Bulgaria, Francia, Hungría, Estonia, Grecia, Italia, Lituania, Luxemburgo, Reino Unido, Letonia, Suíza, Países Baixos, Polonia, Romanía, Portugal e España.

Axudas para o sector

Por outra parte, e como mostra do compromiso da Consellería de Economía, Emprego e Industria co sector, esta semana publicouse no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria de axudas dirixida aos obradoiros artesanais, os concellos galegos e as asociacións profesionais e empresariais de artesáns para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da súa competitividade.

Os interesados en participar nesta convocatoria, de concorrencia competitiva, terán un prazo dun mes desde a publicación para presentar as súas solicitudes. A Xunta, que este ano destina 215.000 euros, aposta pola artesanía como elemento dinamizador da economía pola súa capacidade para crear emprego, riqueza e impulsar o medio rural.

Na pasada edición, a Consellería concedeu apoios por máis de 150.000 euros a 33 obradoiros profesionais, 11 concellos e á Asociación Galega de Artesáns que permitiron a súa presenza en 45 feiras nacionais e internacionais así como a organización de diversas mostras. O obxectivo desta iniciativa é impulsar accións de promoción comercial, así como a organización de eventos feirais para o fortalecemento da comercialización da artesanía galega.