Novas

A Xunta apoia en Santiago a visibilización do sector artesán galego colaborando coa iniciativa Oficios en Acción

7-4-2018

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, acompañada da xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse esta mañá ata o Museo do Pobo Galego, onde se está a realizar desde onte unha escultura en vimbio, dirixida por dúas experimentadas cesteiras: Idoia Cuesta e Julia de la Cal.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia a visibilización do sector artesán galego colaborando un ano máis coa iniciativa Oficios en acción, que por sexto ano consecutivo organiza a Asociación Galega de Artesáns. A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, acompañada da xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse esta mañá ata o Museo do Pobo Galego, onde se está a realizar desde onte unha escultura en vimbio, dirixida por dúas experimentadas cesteiras: Idoia Cuesta e Julia de la Cal.

Por primeira vez, esta iniciativa traslada a súa ubicación habitual desde A Coruña ata Santiago de Compostela, onde están a participar de xeito espontáneo todos os visitantes que pasaron polo Claustro do Museo desde onte pola mañá. A proposta deste ano de Oficios en Acción é a confección colectiva con varas de vimbio da figura dunha man pousada, o símbolo universal do traballo artesán, a partir dunha técnica denominada cestería intuitiva, semellante aos niños que elaboran os paxaros. Esta técnica de tecido ao azar permite crear grandes volumes ou figuras tecidas en diferentes planos por arredor de trinta persoas á vez, a partir dunha estrutura inicial.

Esta iniciativa enmárcase na celebración dos Días Europeos da Artesanía que a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia con diferentes actividades de promoción da artesanía galega. Trátase dunha iniciativa, que se celebra ata mañá, promovida en España pola Fundación Española para la Innovación de la Artesanía (Fundesarte) e no que a Xunta colabora por sétimo ano consecutivo. A programación inclúe unha serie de eventos de divulgación e posta en valor dos oficios artesáns.