Novas

A Xunta celebrará en Madrid a segunda edición do ‘Pop up Galicia, saberes e sabores’ para presentar os mellores produtos da artesanía e gastronomía galega

23-4-2018

Artesanía de Galicia regresa ao Palacio de Santa Bárbara entre o 25 de maio e o 3 de xuño nun evento no que compartirá espazo con produtos gastronómicos exclusivos, talleres abertos para familias e showcookings con cociñeiros galegos do grupo Nove. A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia e coa colaboración de Galicia Calidade, celebrará a segunda edición da Tenda Pop Up Galicia. No evento haberá unha selección de pezas de máis de 60 profesionais da artesanía galega e contarase coa presenza de 12 obradoiros artesáns.

A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia e coa colaboración de Galicia Calidade, celebrará a segunda edición da Tenda Pop Up Galicia, Saberes e Sabores, que terá lugar en Madrid, no Pazo de Santa Bárbara (rúa Hortaleza, 87), entre os días 25 de maio e 3 de xuño.

No evento presentarase unha selección de pezas de máis de 60 profesionais da artesanía galega, así como unha representación de exclusivos produtos gastronómicos. Ademais, haberá degustacións, catas, presentación de produtos, talleres abertos para familias e showcookings con recoñecidos cociñeiros galegos do Grupo Nove. O evento completarase cun servizo de bar que contará con especialidades galegas no menú.

Co obxectivo de que durante dez días se sinta en Madrid a artesanía, a gastronomía e a esencia de Galicia, un total de 12 empresas artesás presentarán e venderán in situ as súas pezas. Trátase do obradoiro de tornería Atalanta Madera (A Estrada), o ferreiro Celso Núñez (A Fonsagrada), a cesteira Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), o obradoiro de complementos en corda de algodón Degerónimo (Santiago de Compostela), os artesáns especializados no traballo da madeira Lorenzo Design (Santiago de Compostela), o taller de pintura sobre seda de María Feijóo (Santiago de Compostela), a colareira Montse Betanzos (O Grove), a xoiería de Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela), a cerámica de Ojea Studio (Vigo), a xoieira Pilar Rodal (Vigo), o obradoiro de coiro de Santiago Besteiro Design (Monterroso) e a cerámica de Ana Tenorio, do taller Witchneeds (Vigo).

No programa de actividades está previsto realizar demostracións de oficios artesáns así como talleres de artesanía para familias que estarán dedicados ao torneado cerámico, a cargo de Carlos San Claudio (Vigo) e Susana González (A Coruña); ao tecido manual, impartido por María José Martínez e José Antonio Carrera (Vigo); á elaboración de redes e de nós mariñeiros, dirixido pola artesá Rosa Rodríguez (Ponteceso), da Asociación Illa da Estrela de Corme; ao manipulado de papel, impartido por Palmira Castro, do obradoiro Mimadriña (Fisterra); e á construción de pandeiretas tradicionais, a cargo do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela).

Os expositores de produtos gastronómicos de calidade son Casa da Avoa (Outes), Adegas Castrobrey (Vila de Cruces), Gures (A Coruña), Jamones González (O Corgo), Muuhlloa Cosmética Galega (Monterroso), Serrín Ultramarinos (Madrid), Orballo (Oleiros), Sovoral Apicultura Orgánica (Xunqueira de Ambia), Quesería Daniberto (Vilalba), Panadería Divina (Santiago de Compostela), Vermú Petroni (Padrón), Adegas Celme (Castrelo de Miño), Bodegas Lodeiros (Santiago de Compostela), Cooperativa Productores Campo Capela SCG (A Capela) e Terras da Mariña, S.Coop.Galega (Lourenzá).

Para completar a oferta gastronómica, ofreceranse showcookings a cargo dos cociñeiros Lucía Freitas, do restaurante A Tafona (Santiago de Compostela), Iñaki Bretal, de O Eirado da Leña (Pontevedra), Juan Crujeiras, do restaurante Bido (A Coruña), e Jorge Gago, de A Maceta (Santiago de Compostela).

A Tenda Pop Up Galicia, Saberes e Sabores estará aberta de luns a xoves en horario ininterrompido de 12:30 a 21:30 horas, os venres e sábado de 12:00 a 23:00 horas, e os domingos de 12:00 a 21:30 horas. A Terraza Galicia estará aberta todos os días que dure o evento en horario de 12:00 a 23:00 horas.

As confluencias entre a Artesanía de Galicia e a gastronomía galega amosarán neste Pop Up Galicia, Saberes e Sabores todo o seu potencial, apostando pola cooperación mutua para continuar fortalecendo unha comunicación que propicie a innovación e as colaboracións transversais e que achegue un valor engadido a cada especialidade.