Novas

A Xunta destaca a súa a aposta pola calidade e a promoción da artesanía galega na feira Mostrart da Coruña

28-7-2018

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, acompañada pola xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu hoxe na Coruña á inauguración do evento que cumpre a súa 34ª edición. A mostra conta coa participación de 56 obradoiros artesáns profesionais de diferentes lugares de Galicia e un de Burgos. Vázquez resalta a importancia de potenciar unha artesanía innovadora e transversal promovendo a cooperación doutros sectores como é o turismo.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, acompañada da xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou hoxe na inauguración da XXXIV edición de Mostrart, unha das feiras de artesanía de referencia en Galicia, que se poderá visitar ata o 15 de agosto nos xardíns de Méndez Nuñez.

Vázquez Abeal destacou que a Xunta mantén a súa colaboración con este evento que, grazas ao compromiso do sector artesán, consolidouse non só como unha feira de referencia en Galicia, senón tamén como unha das máis importantes a nivel nacional, o que afianza a aposta do Goberno galego pola calidade, a promoción e a comercialización da artesanía.

Mostrart, segundo explicou a directora xeral, contribúe a achegar a calidade da marca Artesanía de Galicia á sociedade. Ademais, a súa celebración na Coruña permite nestas datas dar unha grande visibilidade aos oficios artesanais da Comunidade galega.

A mostra conta coa participación de 56 obradoiros artesáns profesionais de diferentes lugares de Galicia e un de Burgos. Mostrart é, polo tanto, unha cita anual de moitos obradoiros profesionais que veñen asistindo desde as súas primeiras edicións e onde cada ano vanse incorporando outros. Deste xeito, este ano os novos expositores son: Las flores de Greta e Coiraxe de Vigo; O Falsete de Buño, en Malpica de Bergantiños; Chorima do Porriño; e Manolo Cremallera, El Arce imaginario e Arobe Cerámica da Coruña.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia este evento a través das axudas para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da competitividade do sector. Do que se trata é, en palabras de Vázquez Abeal, de potenciar unha artesanía innovadora e transversal, promovendo a innovación e a cooperación con outros sectores produtivos como o turismo.