Novas

A Xunta destaca en Cervo a importancia de achegar o valor patrimonial e económico da artesanía á sociedade

1-4-2017

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visita o obradoiro de carpintería de ribeira Estaleiros Fra e o XIV Encontro de Palilleiras. A Consellería colabora, por medio da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, cos diversos proxectos que se organizan en Galicia co motivo dos Días Europeos da Artesanía. Esta semana abriuse o plazo de solicitudes para as axudas ao sector, dirixidas tanto a obradoiros como a concellos ou asociacións, nas que se investirán 215.000 euros.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro Castro, visitaron esta mañá o obradoiro de carpintería de ribeira de Francisco Fra Rico e o XIV Encontro de palilleiras que se están realizando no concello de Cervo, dentro do programa de actividades que se están a celebrar en toda Galicia no marco dos Días Europeos da Artesanía, salientando a importancia de achegar á sociedade o valor patrimonial e económico dos oficios tradicionais.

Así, Estaleiros Francisco Fra abre as súas portas ao público con visitas guiadas e con explicacións do seu traballo, a súa historia e o proceso construtivo das embarcacións. A súa traxectoria abrangue máis de douscentos anos, con sete xeracións ininterrompidas de carpinteiros de ribeira.

A visita institucional estendeuse ao Encontro de Palilleiras Concello de Cervo, unha xuntanza que ten lugar no Pavillón da Veiga, en San Cibrao, e que chega este ano á súa 14ª edición. Unha ocasión única dedicada á arte do encaixe e na que se desenvolverá, ademais, unha demostración da fiada do liño e da la a cargo das Mulleres de San Bartolomeu de Insua, de Vilalba (Lugo)

A Consellería de Economía, Emprego e Industria toma parte nos Días Europeos da Artesanía, que se celebran ata mañá, 2 de abril, co apoio a diferentes iniciativas que levan a cabo os profesionais do sector artesán. A nosa comunidade súmase con 36 accións a un proxecto promovido a nivel nacional pola Fundación Española para la Innovación de la Artesanía (Fundesarte) e no que a Xunta de Galicia colabora por sexto ano consecutivo.

Inspirada nas Journées des métiers d’art, desenvolvidas en Francia desde 2002, a convocatoria pretende obter unha participación cada vez máis ampla de países da Unión Europea. Preto de vinte países tomarán parte este ano na celebración: Alemaña, Austria, Bélxica, Bulgaria, Francia, Hungría, Estonia, Grecia, Italia, Lituania, Luxemburgo, Reino Unido, Letonia, Suíza, Países Baixos, Polonia, Romanía, Portugal e España.

Axudas para o sector

Por outra parte, e como mostra do compromiso da Consellería de Economía, Emprego e Industria co sector, esta semana publicouse no Diario oficial de Galicia unha nova convocatoria de axudas dirixida aos obradoiros artesanais, os concellos galegos e as asociacións profesionais e empresariais de artesáns para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da súa competitividade.

Os interesados en participar nesta convocatoria, de concorrencia competitiva, terán un prazo dun mes desde a publicación para presentar as súas solicitudes. A Xunta, que este ano destina 215.000 euros, aposta pola artesanía como elemento dinamizador da economía pola súa capacidade para crear emprego, riqueza e impulsar o medio rural.

Na pasada edición, a Consellería concedeu apoios por máis de 150.000 euros a 33 obradoiros profesionais, 11 concellos e á Asociación Galega de Artesáns que permitiron a súa presenza en 45 feiras nacionais e internacionais así como a organización de diversas mostras. O obxectivo desta iniciativa é impulsar accións de promoción comercial, así como a organización de eventos feirais para o fortalecemento da comercialización da artesanía galega.