Novas

A Xunta destaca o papel da Mostra de Olería de Buño no impulso dun dos oficios con máis tradición da artesanía galega

 

1-8-2019

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, sinala que este encontro que celebra xa a súa 36ª edición, achega ao público o traballo dos artesáns oleiros. A Xunta apoia ao sector a través da participación en feiras de artesanía internacionais e impulsando a súa visibilidade con accións comerciais emerxentes. O programa inclúe exposición e venda de produtos, obradoiros de barro abertos ao público ou a cocedura tradicional, así como actuacións musicais e un concurso de modelado.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe na inauguración da XXXVl Mostra da Olería de Buño, que se celebra desde hoxe ata o 4 de agosto no parque Luciano García Alén de Malpica. Esta mostra, que é a feira artesá decana de Galicia, convértese nunha cita obrigada para os amantes da artesanía.

Tal e como salientou Vázquez Abeal, a Mostra permite ao público achegarse e coñecer de primeira man o traballo dos oleiros, participando no proceso de elaboración das pezas, promovendo o coñecemento dun dos oficios da artesanía galega que conta con máis tradición e repercusión dentro e fóra das nosas fronteiras. Neste sentido, subliñou que desde a Xunta de Galicia se está a apoiar o sector oleiro non só impulsando esta Mostra, senón a través da participación da olería de Buño en feiras de artesanía de relevancia internacional e incrementando a súa visibilidade a través de accións comerciais emerxentes para chegar a novos públicos.

A olería de Buño está tomando parte en todas as liñas de actuación de promoción, comercialización e formación levadas a cabo en materia de artesanía pola Xunta. As pezas desta zona son parte imprescindible das escolmas que Artesanía de Galicia amosa cada ano en feiras internacionais (como as de Estocolmo e Londres), o que ten contribuído a que se comercialicen xa en países tan afastados como Xapón ou Australia e en Alemaña ou Dinamarca.

Entre as diferentes iniciativas impulsadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para impulsar o sector artesán, está aberto ata o 16 de setembro o prazo de presentación de solicitudes do novo programa para impulsar a formación de aprendices nos obradoiros artesáns galegos, co obxectivo de garantir a transmisión das técnicas e dos oficios artesanais.

No parque que leva o nome do etnógrafo Luciano García Alén participan nesta edición un total de 13 artesáns, 9 deles oleiros de Buño e outros 4 artesáns doutros produtos como o das redeiras de Corme. O Ecomuseo Forno do Forte será o segundo escenario no que se desenvolverán unha parte importante das actividades, como os obradoiros de barro abertos ao público, a Cocedura Tradicional e a ruta guiada O ciclo de vida dunha peza. Celebrarase tamén un concurso de modelado e un showcooking empratado en pezas de Olería de Buño, a cargo de Óscar Gures (A Cunca) e David Vilariño e Alberto Alvedro (Taberna do Campo).

Ademais de varios obradoiros de barro, haberá outros talleres abertos a todos os públicos como o de bolsas recicladas coas redeiras, un para aprender a reducir plásticos e un taller de arte efémera con lixo do mar. Ao longo do día varias actuacións musicais amenizarán a Mostra, e as catro xornadas pecharanse cos concertos de Mad Martin Trío, Os Resentidos e De Ningures e un guateque anos 80.