Novas

A Xunta destaca o papel da Mostra do Encaixe de Camariñas como escaparate da marca Artesanía de Galicia e como punto de encontro do sector

28-3-2018

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, xunto coa xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu esta tarde á inauguración deste encontro. As actividades, que se prolongarán ata o 1 de abril, inclúen desfiles dunha trintena de deseñadores noveis, a colaboración de firmas de moda de recoñecido prestixio, obradoiros de artesanía para nenos e nenas e expositores artesáns de oficios coma o liño, a xoiería, a cerámica, o vidro soprado, as colareiras ou o coiro.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, destacou esta tarde, na inauguración da XXVIII Mostra do Encaixe de Camariñas, o importante papel deste evento como escaparate da Marca Artesanía de Galicia e como punto de encontro para os emprendedores artesáns.

A directora xeral sinalou que a Mostra, que cumpre nesta edición 28 anos, está a consolidarse como un importante evento turístico clave tanto para proxectar a imaxe galega no exterior como para dinamizar a economía local.

Nesta edición a Mostra do Encaixe de Camariñas conta coa participación de 14 postos de encaixeiras nacionais e 18 internacionais. O programa de actividades, que se prolongará ata o próximo domingo, 1 de abril, inclúe diferentes desfiles coas creacións de 18 deseñadores que amosarán diferentes propostas de aplicación do encaixe ao mundo da moda, 10 firmas internacionais de recoñecido prestixio, así como 31 deseñadores noveis.

Ademais do encaixe, nesta Mostra pódense atopar outros oficios da artesanía galega grazas aos puntos de venda de artesáns especializados no liño, na xoiería, na cerámica, no vidro soprado, no coiro ou noutro oficio de grande tradición na costa galega como é o das colareiras. A maiores, a Fundación Artesanía de Galicia disporá dun espazo no que organizará demostracións abertas e talleres para achegarlle a artesanía aos nenos e nenas que visiten a Mostra e que estarán dirixidos pola artesá María José Martínez.