Novas

A Xunta e o Concello de Mondoñedo reforzan a súa colaboración na recuperación da olería local

7-4-2017

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e a alcaldesa, Elena Candia, presentaron hoxe un acordo polo que a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño cede material e maquinaria para o Alfar dos Muíños. Varios artesáns están interesados en traballar nestas instalacións tralo curso impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Está previsto desenvolver novas iniciativas formativas para favorecer a incorporación de profesionais á olería mindoniense.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, presentaron hoxe no Alfar dos Muíños un acordo que permite reforzar a colaboración para a recuperación da olería local entre o Concello e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño.

No acto, no que participou tamén a xerente da Fundación, Elena Fabeiro, sinalouse que a través do protocolo asinado hoxe o Concello de Mondoñedo terá á súa disposición maquinaria e material propiedade da Xunta para contribuír a potenciar o Alfar dos Muíños e a posta en valor da olería deste municipio.

Neste sentido, cómpre lembrar que o Concello de Mondoñedo e a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño xa colaboraron organizando un curso de formación de iniciación á olería mindoniense que permitiu que varios artesáns amosasen interese por traballar no Alfar dos Muíños. No marco do acordo do que hoxe se informou, está previsto desenvolver novas iniciativas formativas para impulsar a incorporación de profesionais.

Búscase así transmitir os valores dun oficio tradicional cunha personalidade propia, apostando pola calidade e a innovación asentada na experiencia e a tradición, e abrir canles de emprego a novos talentos que aposten por produtos de trazos culturais e o respecto ao medio ambiente.