Novas

A Xunta impulsa a comercialización e a proxección exterior da Artesanía de Galicia con axudas a 46 obradoiros e 12 concellos

22-9-2019

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de resolver apoios por máis de 270.000€ dos que se benefician tamén dúas asociacións profesionais do sector. A iniciativa contempla apoios para a participación en eventos nacionais e internacionais e para a organización de feiras na Comunidade.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de resolver a concesión de axudas por máis de 270.000 euros para impulsar a mellora da comercialización e a proxección exterior da Artesanía de Galicia. Benefícianse das mesmas 46 obradoiros artesáns, 12 concellos e dúas asociacións profesionais do sector, tal e como se vén de publicar no Diario Oficial de Galicia.

A través desta iniciativa, concedéronse aos titulares de 46 obradoiros artesanais apoios de ata 8.000 euros para a asistencia a feiras profesionais e de venda directa fóra de Galicia, tanto nacionais como internacionais, que teñan arraigo e interese comercial para o sector artesanal galego.

Por outra banda, concedéronse axudas a dúas asociacións profesionais de artesáns para a organización de feiras de artesanía no ámbito de Galicia de distintos oficios (sendo requisito que conten cun mínimo de 15 edicións e que polo menos un 80% dos expositores de produtos artesanais estean inscritos como obradoiro no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia) así como para a participación como expositor en feiras profesionais nacionais ou internacionais. En concreto, recibirán este apoio a Asociación Galega de Artesáns (AGA) e a Asociación de Artesáns de Ourense.

Pola súa banda, 12 concellos obteñen apoios de ata un máximo de 15.000 euros para a organización e celebración de feiras monográficas cuxo obxectivo sexa a venda e posta en valor de produtos dun mesmo oficio tradicional sempre e cando conten cun número mínimo de 15 edicións; ou feiras non monográficas de distintos oficios cun número mínimo de cinco edicións. Este ano beneficiaranse deste programa de axudas 4 concellos da provincia da Coruña (Oleiros, Carnota, Camariñas e Malpica), 6 da provincia de Lugo (Outeiro de Rei, Cospeito, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Viveiro e Bóveda), un de Ourense (Bande) e outro de Pontevedra (Cerdedo-Cotobade).