Novas

A Xunta impulsa a promoción da Artesanía de Galicia en máis de 50 feiras nacionais e internacionais

8-9-2018

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de conceder apoios por preto de 250.000 euros dos que se benefician 39 obradoiros, 10 concellos e dúas asociacións de artesáns. Ademais de respaldar a participación de artesáns galegos en encontros profesionais, respáldase tamén a celebración de Mostrart, na Coruña, e Ofeitoamán, en Vigo, ademais da Feira de Artesanía de Ourense. Mediante esta convocatoria de axudas tamén se apoia a celebración de encontros como a Mostra de Olería de Buño (Malpica) ou a Mostra do Encaixe de Camariñas. A Xunta aposta así mesmo pola promoción e a posta en valor do produto artesán galego coa participación de Artesanía de Galicia en encontros internacionais de referencia como Formex en Estocolmo ou Tent London.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de conceder apoios por preto de 250.000 euros co obxectivo de fomentar a promoción comercial da artesanía galega en 53 feiras nacionais e internacionais – 18 de carácter profesional e 35 de venda directa– dos que se benefician un total de 39 obradoiros artesanais, 10 concellos e dúas asociacións de artesáns.

Así, mediante a convocatoria de axudas que se vén de resolver, apóiase a participación de profesionais en encontros internacionais como Maison & Object, Bijorca e Premiere Classe Accesoires, en París, ou Spoga Horse, en Colonia, así como nas máis destacadas feiras profesionais nacionais como Intergift e Madrid Joya (Madrid) ou Expohogar (Barcelona). Do mesmo xeito, concédense apoios para a participación de obradoiros galegos en feiras de venda directa e feiras nacionais coma Gabonart Bilbao Nadal, Biocultura Madrid, Biocultura Barcelona, Farcama Toledo, ou as feiras de Nadal de Madrid e Sevilla, entre outras.

Ademais, obteñen axudas un total de 10 concellos, para a organización da Mostra de Olería de Buño (Malpica); a Mostra do Encaixe de Camariñas; a Mostra de Artesanía Artelemos (Monforte), o encontro Alfaroleiros (Oleiros); a Feira de Artesanía de Viveiro; a Feira de Artesanía de Carnota; a Feira de Produtos Endóxenos en Bande; a Feira de Artesanía de Outeiro de Rei e a Feira Tradicional Outrora de Bóveda.

Por outra banda, respáldase tamén a organización por parte da Asociación Galega de Artesáns das feiras Mostrart, na Coruña, e Ofeitoamán, en Vigo; así como a Feira de Artesanía de Ourense, que organiza a Asociación de Artesáns da provincia.

Ademais desta orde de axudas, a Xunta aposta pola promoción e a posta en valor do produto artesán galego coa participación de Artesanía de Galicia en encontros internacionais de referencia como Formex ou Tent London. A primeira delas é unha feira profesional de referencia do deseño escandinavo, que se celebrou en Estocolmo entre o 17 e o 20 de xaneiro e na que que se presentou unha colección con pezas de 42 obradoiros artesáns.

Tent London será a próxima cita da Artesanía de Galicia, entre o 20 e o 23 de setembro na capital británica e na que se participa desde o ano 2013. Na edición deste ano contarase cunha selección de produtos de 40 obradoiros artesáns galegos que representan disciplinas como a olería tradicional, a cestería, a madeira, a cerámica, o tecido tradicional, a forxa, o coiro, os sanandresiños, o vidro, o gravado ou a incorporación de novos materiais como a cestería téxtil ou as lámpadas de cartón.

Ademais, Galicia acudirá como comunidade convidada á 35 edición de FERAMUR, a feira de artesanía da Rexión de Murcia, que se celebra en Lorca entre o 27 e o 30 de setembro. Nesta edición, Artesanía de Galicia asistirá cun stand institucional da marca Artesanía de Galicia e con espazos de exposición e venda para 9 obradoiros artesáns galegos.