Novas

A Xunta impulsa en Gondomar un curso para artesáns impartido polo deseñador xaponés Shingo Sato

24-10-2017

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitaron esta iniciativa de formación especializada na que participan unha quincena de profesionais. Os participantes aprenden a crear pezas de moda aplicando a técnica de reconstrución transformacional empregada polo modisto asiático.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron hoxe en Gondomar o curso de formación para artesáns impartido polo deseñador xaponés Shingo Sato. Esta iniciativa de formación especializada, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Fundación Artesanía de Galicia, leva por título “Do patrón a un branco segundo a visión do deseñador Shingo Sato”. Ten lugar no Centro de Desenvolvemento Local de Gondomar coa participación de quince profesionais da artesanía galega. Os alumnos adquiren a destreza e o coñecemento necesario para a creación de pezas de moda aplicando a recoñecida técnica de Reconstrución Transformacional empregada polo modisto e creador xaponés Shingo Sato. Esta técnica suprime as pinzas e as liñas de costura indispensables no ensamble de pezas de vestir e substitúeas por cortes asimétricos, xeométricos, circulares, creando un novo manexo de volumes. A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, promove a mellora da formación dos profesionais da artesanía galega no marco da súa programación de formación especializada para o sector. Proximamente celebrarase na Coruña un curso de remates para bixutería dirixido pola británica Charmian Inman. A colaboración e a formación entre os profesionais da artesanía é unha das áreas de traballo que a Xunta impulsa, co fin de conservar o coñecemento dos artesáns tradicionais e promover a incorporación de novos talentos ao sector artesanal galego, consolidándoo como un sector de prestixio, competitivo e transversal.