Novas

A Xunta impulsa en Santiago a formación en atención ao cliente para o sector da artesanía

30-4-2018

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, achegouse hoxe ata o curso ‘A maxia de conectar co cliente’, que organiza o Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia co apoio da Administración autonómica. A Fundación Pública Artesanía de Galicia conta este ano cun programa de formación para o sector artesán galego no que se tratan oficios como a padronaxe, a palla trenzada, o manipulado de papel ou a sombreirería, así coma o uso das redes sociais e de Internet. As accións formativas desenvolveranse nas catro provincias galegas.

A Xunta, a través da Fundación Pública Artesanía de Galicia, colabora co desenvolvemento do curso A maxia de conectar co cliente, organizado polo Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia, que se celebra en Santiago en modalidade intensiva ao longo de toda a xornada de hoxe. A directora xeral de Comercio e  Consumo, Sol Vázquez Abeal, acompañada pola xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro Castro, visitou a sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) onde se está a desenvolver esta actividade formativa.

A atención ao cliente é un dos principais piares da competitividade das empresas e este curso ofrece unha oportunidade de formación específica na atención ao cliente nos eidos da xoiería e da artesanía. En horario de 9,30 a 14,00 horas e de 15,30 a 19,00 horas, un total de 13 alumnos, entre os que se atopan tanto artesáns profesionais coma xoieiros, están a mellorar as súas técnicas de comunicación co cliente, co obxectivo de conseguir relacións de confianza que se manifesten nos resultados finais das vendas.

O curso está dirixido por Eloy Gesto, director da EscuelaInventa, que conta cunha ampla experiencia no mundo da comunicación adaptada á venda e, especialmente, no sector da xoiaría, xa que provén dunha familia de ourives.

A formación dirixida aos artesáns e a captación de novo talento é unha das bases da Estratexia de impulso ao sector comercial, deseñada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Na busca da introdución da innovación en todos os procesos, da recuperación de oficios tradicionais en extinción e da mellora da comercialización está previsto que se realicen cursos que se complementarán con outras accións formativas encadradas no marco de diferentes eventos que se desenvolverán ao longo deste ano.

Así, a Fundación Pública Artesanía de Galicia ten preparado para este ano 2018 un programa de formación para o sector artesán galego no que se inclúen cursos relacionados co impulso da comunicación dixital nas empresas artesás, así como actividades especializadas en oficios como a padronaxe, a palla trenzada, o manipulado de papel ou a sombreirería, este último xa realizado no mes de abril en Ourense, a cargo do artesán Félix de Martín.

Principais accións formativas

O curso Redes sociais e comunicación en Internet, que xa comezou en Lugo e que rematará o vindeiro 11 de maio, está enfocado a proporcionarlle aos promotores dos obradoiros as ferramentas necesarias para optimizar os seus recursos de comunicación e mellorar a súa promoción e a súa comercialización a través da rede. Entre o 3 e o 28 de setembro haberá unha edición deste mesmo curso na cidade de Ourense; do 5 ao 31 de outubro realizarase en Santiago de Compostela; e do 9 de novembro ao 5 de decembro celebrarase en Pontevedra.

Do 6 ao 8 de xullo están programadas dúas actividades formativas que se desenvolverán no marco do Corazón da Artesanía. VII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra en Agolada (Pontevedra). Os cursos son Novas ferramentas para novos materiais, impartida polo arquitecto Rubén García Louzao Araújo, e Manipulación de palla trenzada para a elaboración de complementos, que estará dirixida tamén polo especialista Félix de Martín.

No mes de outubro está previsto realizar o curso de Perfeccionamento do padrón a un branco segundo a visión do deseñador Shingo Sato, que se impartirá do 22 ao 26 no Centro de Desenvolvemento Local de Gondomar (Pontevedra). Os quince profesionais da artesanía que participaron no curso de iniciación, realizado no ano 2017, terán a oportunidade de perfeccionar a destreza na creación de pezas de moda aplicando a técnica “Reconstrución Transformacional” deste modisto, que substitúe as pinzas e as liñas de costura por cortes asimétricos, xeométricos e circulares, creando un novo manexo de volumes.

A artesá Palmira Castro, do obradoiro Mimadriña (Fisterra), impartirá a acción Manipulado de papel para a elaboración de pezas decorativas, dirixido a docentes e usuarios do obradoiro APAMP, en Vigo.

A colaboración e a formación entre os profesionais da artesanía é unha das áreas de traballo que a Xunta de Galicia está impulsando, co fin de conservar o coñecemento dos artesáns tradicionais e de promover a incorporación de novos talentos ao sector artesanal galego, consolidándoo coma un sector de prestixio, competitivo e transversal.