Novas

A Xunta pon en valor o oficio tradicional da olería na XXIV Mostra de Alfaroleiros na que participan 27 expositores

1-8-2018

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, acompañada da xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou hoxe en Oleiros na inauguración da feira O evento, co que colabora a Consellería de Economía, Emprego e Industria, inclúe, ademais demostracións de olería, obradoiros de artesanía para nenos e nenas, actuacións musicais, charlas-coloquio, xogos para os mais cativos e proxección de películas. É un punto de encontro para os profesionais do oficio da olería de Galicia e do resto do Estado, así como de Portugal.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, acompañada da xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou hoxe en Oleiros na inauguración da XXIV Mostra de Alfaroleiros que se celebra ata o 5 de agosto na vila de Santa Cruz de Oleiros (A Coruña). Este encontro destaca pola súa relevancia como punto de encontro para os profesionais do oficio da olería de Galicia, do resto do Estado e de Portugal.

A feira, que chega este ano á súa vixésimo cuarta edición, conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través das axudas para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da competitividade do sector artesanal.

Un total de 27 expositores do oficio da olería participan este ano na demostración e venda de produtos. Xunto aos artesáns galegos de Buño, Niñodaguia, Gundivós, Bonxe, Salvaterra de Miño e Brión toman parte tamén oleiros de Toledo, Castellón, Xaén, Granada, Córdoba, Segovia, A Rioxa, Badaxoz, Zamora, Cáceres e Portugal. Este ano a olería convidada é o Centro Alfarero de Candelaria Casa Las Miquelas de Santa Cruz de Tenerife.

A colaboración coa organización destas actividades de impulso á conservación dos oficios artesanais tradicionais forma parte, segundo explicou a directora xeral, da estratexia da Xunta neste ámbito, xa que a recuperación, o mantemento e a divulgación dos oficios artesanais tradicionais constitúe unha ferramenta de dinamización social e de divulgación da cultura galega, ademais de establecer referentes para os novos profesionais que se achegan ao sector artesanal galego.