Novas

A Xunta promove a mellora da formación dos profesionais do coiro de Galicia

12-5-2017

A xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, visitou hoxe o curso Técnicas do “appliqué” en pezas de coiro, que se celebra en Cervo. Economía, Emprego e Industria desenvolve, en colaboración coas asociacións profesionais e os obradoiros artesanais, actividades centradas no deseño e os oficios tradicionais para promover o talento do sector artesanal galego.

A xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, visitou hoxe o curso “Técnicas do appliqué para pezas de coiro” impartido polo artesán australiano e residente en EE.UU. Peter Main. A Xunta de Galicia, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, promove a mellora da formación dos profesionais da artesanía galega no marco da súa programación de formación especializada para o sector.

Esta acción de formación segue a folla de ruta de Consellería de Economía, Emprego e Industria para profesionalizar e formar un sector artesanal competitivo. O curso de 24 horas de duración, e ao que asisten oito profesionais da marroquinería galega, celébrase na vila de Cervo no obradoiro do artesán Vidal Revilla. O curso que remata o vindeiro 14 de maio, permitirá aos asistentes achegarse ás técnicas dun dos referentes do oficio a nivel mundial, o australiano Peter Main. 

A colaboración e a formación entre os profesionais da artesanía e unha das áreas de traballo, que a Xunta de Galicia desexa impulsar, co fin de conservar o coñecemento dos  artesáns tradicionais e promover a incorporación de novos talentos ao sector artesanal galego, consolidándoo como un sector de prestixio, competitivo e transversal.