Novas

A Xunta promove en Baio a posta en valor do oficio tradicional do liño

30-4-2018

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, e a xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participarán mañá na inauguración da XXIV Exaltación da Fía do Liño que se celebra en Zas. O evento supón un impulso á divulgación da artesanía tradicional galega. A iniciativa celebrarase a partir das 13,00 horas no polideportivo desta localidade coruñesa, organizada pola Asociación de Amigos do Liño.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, acompañada pola xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participará mañá na inauguración da XXIV Exaltación da Fía do Liño, que se celebra na parroquia de Baio (Zas). Como cada ano, a Asociación de Amigos do Liño rememora durante esta xornada as festas que se organizaban antigamente con motivo das tradicionais fiadas. O evento comezará a partir das 13,00 horas cunha demostración de fiado e do traballo realizado polos artesáns para transformar a planta do liño en diferentes tecidos.

O programa de actividades complétase cun xantar co menú tradicional da fiada, un desfile de moda no que o liño será o protagonista, así como varias actuacións musicais. Á cita espérase que se acheguen máis de 500 persoas que, a partir das 14,00 horas, poderán degustar o xantar propio da época que se festexa, a base de migas de pan con chícharos, patacas con bacallau ou papas de arroz.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia este evento que ademais de supoñer unha promoción desta zona da Costa da Morte, persegue recuperar e asegurar a pervivencia de oficios artesanais que, pola súa tradición e calidade, se consideran parte integrante do patrimonio cultural de Galicia.