Novas

A Xunta promove en Ourense a formación en novas tecnoloxías para o sector da artesanía

 

14-9-2018

A directora xeral de Comercio e Consumo visitou esta tarde o curso “Redes sociais e comunicación en internet” que organiza a Consellería de Economía, Emprego e Industria co obxectivo de fortalecer a comunicación dixital nas empresas artesás. A actividade forma parte do programa de formación especializada que se pon en marcha cada ano a través da Fundación Artesanía de Galicia.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, acompañada pola xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse hoxe ata Ourense para visitar o curso “Redes sociais e comunicación en internet”, na súa segunda xornada. A actividade, que forma parte do programa de formación especializada para artesáns impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para este ano 2018, xa se realizou en Lugo e celebrarase tamén en Santiago de Compostela e en Pontevedra co obxectivo promover o uso da comunicación dixital nas empresas artesás de Galicia e así mellorar a súa competitividade.

Nesta actividade, que comezou o pasado día 3 e rematará o vindeiro 28 de setembro, participan profesionais da artesanía galega que asistirán ás clases presenciais, no centro de novas tecnoloxías e innovación La Molinera de Ourense, complementándose con dúas sesións de seguimento on line de 4 horas de duración. A actividade está enfocada a proporcionarlle aos obradoiros as ferramentas necesarias para optimizar os seus recursos de comunicación e mellorar a súa promoción e a súa comercialización a través de internet. Entre o 5 e o 31 de outubro, será a quenda de Santiago de Compostela; e do 9 de novembro ao 5 de decembro, celebrarase en Pontevedra.

A formación dirixida aos artesáns e a captación de novo talento é unha das bases que centran o impulso ao sector por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Na busca da introdución da innovación en todos os procesos, da recuperación de oficios tradicionais en extinción e da mellora da comercialización está previsto que se realicen os seguintes cursos que se complementarán con outras accións formativas encadradas no marco de diferentes eventos que se desenvolverán ao longo deste ano.