Novas

A Xunta reivindica o valor da artesanía galega e as súas posibilidades de futuro no encontro de Agolada

6-7-2018

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, inauguraron hoxe a sétima edición do encontro “Corazón da Artesanía”. O evento, que conta coa participación de empresas como a xaponesa HP France ou Loewe, caracterízase pola súa amplitude, diversidade e a aposta pola innovación e a creación de sinerxías. O encontro, que non deixa de medrar desde a súa primeira edición, conta este ano con 52 artesáns que exercen 26 oficios.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, achegáronse hoxe ata a sétima edición do Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia Corazón da Artesanía, que hoxe bota a andar en Agolada. Alí, reivindicaron o valor da artesanía galega e as súas posibilidades de futuro, grazas ao respecto á tradición, aos novos talentos e á innovación do sector.

Os principais obxectivos desta feira, na que están presentes empresas como a xaponesa HP France ou Loewe, son, precisamente, promover o sector artesanal galego e contribuír a ampliar a súa cota de mercado e, ao mesmo tempo, procurar sinerxías con outras disciplinas.

O vicepresidente da Xunta destacou a importancia dun evento como este, un referente desde que comezou a celebrarse en 2012 e que non deixa de medrar cada ano. Neste sentido, puxo en valor a súa ampla e diversificada oferta de artesanía. En concreto, este ano está prevista a participación de 52 artesáns -8 deles participan por primeira vez este ano- que forman parte dun total de 26 oficios distintos. Ademais, é destacable a presenza nesta edición de novos oficios e cursos de formación de novos métodos como as impresoras 3D ou cortadoras láser.

Neste sentido, destacou tamén que o Encontro de Agolada non é so relevante polo que aporta ao mercado da artesanía galega, senón pola súa capacidade de achegarse ao público xeral e de crear sinerxías con outras disciplinas. Así, organizaranse tamén obradoiros, conferencias, actuacións musicais e gardarase un espazo especial para a gastronomía.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou que o Encontro que se celebra ata este domingo deixa patente que o sector artesán galego está máis vixente que nunca, con máis de 3000 artesáns rexistrados e máis de 580 obradoiros.

Conde lembrou que nos últimos anos se están incorporando ao sector mozos e mozas que contribúen á súa renovación e actualización, facendo fincapé en que este relevo xeracional debe ir acompañado da transmisión das técnicas tradicionais. A isto contribúe a Xunta a través do programa para a formación de aprendices, ao que se suman outras iniciativas para impulsar a artesanía galega como as axudas para a dixitalización ou a mellora da comercialización.

Na súa intervención, o conselleiro apuntou que só o ano pasado un total de 80 obradoiros galegos estiveron presentes co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria en feiras internacionais, destacando que hoxe o traballo dos artesáns galegos é sinónimo de calidade en todo o mundo.

Programa para mañá


O programa de mañá sábado no Corazón da Artesanía acolle a segunda edición do Campus dos Oficios, baixo o título A materialidade da pedra. Da artesanía á industria, camiños de ida e volta. Nesta xornada de debate e reflexión na que participarán empresas de raíz artesanal, industrias de transformación de materiais, arquitectos e técnicos que achegan a perspectiva do territorio do que nace a materia prima protagonista.

A iniciativa Artesanía no Prato continúa a través dos showcookings do cociñeiro galego do Grupo Nove Héctor López, do Restaurante España (Lugo), que terá lugar en dúas sesións ás 13:30 e ás 15:00 horas, e da cociñeira María Varela, do Restaurante A Parada das Bestas (Palas de Rei), que ofrecerá a súa demostración a partir das 20:30 horas. Ademais, ás 18:00 horas está prevista unha degustación de produtos galegos de calidade e unha cata comentada de viños de Galicia a cargo de Vide, Vide! (Santiago de Compostela), que tamén participa no Corazón da Artesanía como expositor.

A xornada complétase coa programación de música e teatro protagonizada polo espectáculo As fillas bravas, da compañía Chévere, a partir das 13:00 horas nos Pendellos, unha actuación de humor con perspectiva de xénero a través dun repertorio baseado na música tradicional. Pola tarde, haberá un pasarrúas da man da agrupación Bico da Balouta de Agolada e, xa pola noite, os visitantes poderán continuar a xornada lúdica coa actuación do trío compostelán Sumrrá, ás 22:30 horas na Praza do Concello. Con 16 anos de traxectoria e a piques de sacar o seu sexto disco, Sumrrá está considerado un dos novos referentes do jazz contemporáneo.