Novas

A Xunta salienta que o Encontro Internacional de Torneiros converterá a Xermade nun espazo referente da artesanía

9-8-2018

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, acompañada da xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, presentou hoxe na Casa do Concello o evento que cumpre a súa 18º edición. A iniciativa, que organiza o Concello de Xermade coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, permitirá poñer en valor o oficio do torneado en madeira do 21 ao 23 de setembro.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, acompañada da xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou hoxe na presentación do XVIII Encontro Internacional de Torneiros da Madeira de Xermade, que converterá, do 21 ao 23 de setembro, esta localidade lucense nun espazo de formación e exhibición de referencia do sector artesán galego.

A iniciativa, organizada polo Concello de Xermade, e que conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, permite poñer en valor o oficio do torneado de madeira.

Esta nova edición ofrecerá un escaparate aos profesionais e afeccionados ao oficio do torneado artesán da madeira onde podan expoñer, contrastar, aprender e interrelacionarse. Como ven sendo habitual, o polideportivo municipal de Xermade acollerá cursos especializados a cargo de profesionais de prestixio internacional como a francesa Elisabeth Mezières, o inglés Rod Page, o madrileño Toni Porto e o mestre galego Lolo Castro.

O programa de actividades do encontro complétase con distintas demostracións e a exposición itinerante de madeira torneada CONtornos. Ademais, durante os tres días, os visitantes poderán ver unha mostra de pezas torneadas achegadas polos participantes. Tamén haberá exposición e venda de maquinaria, ferramentas e publicacións.

O programa completo pódese consultar na páxina web do evento www.encontrodetorneiros.org