Novas

A Xunta sinala o papel do encontro Ofeitoaman como a Feira de Artesanía de referencia no Nadal en Vigo

23-12-2019

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta tarde a mostra que conta coa participación de 21 obradoiros pertencentes á marca Artesanía de Galicia. A feira estará aberta ao público ata o 5 de xaneiro na zona exterior do Centro Comercial A Laxe

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou hoxe en Vigo a 35 edición de Ofeitoaman, a feira de artesanía máis emblemática do Nadal en Galicia. No evento, que se celebra ata o 5 de xaneiro, participan un total de 21 obradoiros pertencentes á marca Artesanía de Galicia, especializados en oficios como a xoiaría, ourivería, tecidos, madeira torneada e tallada, coiro e marroquinería, elaboración de calzado e zocos, cerámica, vidro, cartón pedra, bixutería, metais ou a aplicación do oficio tradicional das colareiras aos complementos. A mostra complétase coa participación dun obradoiro especializado no téxtil procedente do Norte de Portugal.

Ofeitoaman está organizada pola Asociación Galega de Artesáns (AGA), a través da orde de axudas para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da competitividade do sector artesán da Xunta de Galicia. Os expositores galegos de Ofeitoaman son obradoiros rexistrados no Rexistro Xeral da Artesanía de Galicia, e presentan obras acollidas baixo a marca oficial Artesanía de Galicia, que garante a súa cualificación e orixe.

Este ano, ademáis dos expositores habituais, participa por primeira vez o obradoiro de ourivería Ivindi de Tomiño (Pontevedra) e se incorpora despois de varios anos sen participar o obradoiro de cartón pedra Charamusca de Carnota (A Coruña).

Así mesmo, cóntase coa participación doutros artesáns como Verdecima (Mos) e Flecharte (Vigo) que traballan a madeira. A bixutería está representada por Paznavas (A Coruña) e Montse Betanzos (O Grove), e en xoiería Ardentia (Bergondo), Zimzelatum (Godomar), Mario López (Vigo), Rosa Fraiz (Vilagarcía de Arousa), Rosa Higuero (Cabanas), Sánchez-Cano Orfebres (Vigo) e Joyas de Papel (Nigrán) –que fan xoiería de papel e prata-. Tamén participarán Chorima (O Porriño), especializada en marroquinería, e os artesáns do coiro Varo Caride (Vigo) e Bruxarte (Vigo). O sector da zapatería está representado por Laia Zapateiros (Melide) e os zocos de Elena Ferro (Vila de Cruces) –Premio Nacional de Artesanía 2019-, e tamén participan Regal Cerámica Artesán (Viveiro), Coas Mans Artesanía (Silleda) –cerámica e vidro pintura mural e téxtiles a man– e Artesave, de Vila do Conde (Portugal) –las de punto-.

A feira supón unha proposta de mercado de Nadal monográfico, no que os obradoiros participantes presentan as súas creacións orixinais directamente ao público, como unha alternativa cargada de autenticidade. Toda a información sobre os expositores con enlaces as súas webs pode consultarse na web da feira: www.ofeitoaman.org

A feira permanecerá aberta na zona exterior do Centro Comercial A Laxe, fronte á Estación Marítima, ata o día 5 de xaneiro, e pechará os días 25 de decembro e 1 de xaneiro. O horario de visita é de 11 a 14 e de 16:30 a 21 (os días 24 e 31 pechará ás 18:30 horas).