Novas

A Xunta sinala que a artesanía galega está en auxe contribuíndo a dinamizar a economía e o turismo local

26-12-2017

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, acompañada pola directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou hoxe en Vigo a Feira de Ofeitoaman, unha cita de referencia da artesanía galega no Nadal. Desde mañá e ata o 5 de xaneiro a Estación Marítima da cidade viguesa acolle esta iniciativa na que participan 20 obradoiros artesáns galegos e un de Portugal. O Goberno galego impulsa o sector con axudas para fomentar a súa comercialización e competitividade, apoiando a formación e buscando novas oportunidades en feiras internacionais.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, acompañada pola directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou hoxe a trixésimo terceira edición da feira de artesanía Ofeitoaman de Vigo, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, que se empraza ata o próximo 5 de xaneiro na zona exterior do Centro Comercial A Laxe, fronte á Estación Marítima de Trasatlánticos do porto vigués, coa participación de 20 obradoiros artesáns de Galicia e un de Portugal.

Vázquez Abeal destacou a importancia do sector artesán na Comunidade galega, que está en auxe con preto de 3.000 artesáns rexistrados e máis de 60 tendas e 550 obradoiros, dando emprego a máis de 5.000 persoas. En palabras da directora xeral, este ámbito estase a consolidar como unha vía de dinamización económica e turística, especialmente no ámbito rural.

A Xunta está impulsando o prestixio deste sector a través de axudas para fomentar a súa comercialización e competitividade -este ano chegaron a 35 obradoiros, 12 concellos e á Asociación Galega de Artesáns-; apoiando a formación coa organización de diferentes cursos; buscando novas oportunidades en feiras internacionais; iniciativas como o espazo Pop up. Saberes e Sabores en Madrid, ou eventos como Artesanía no Prato e Corazón da Artesanía de Agolada, que este ano recibiu 9.000 visitas, consolidándose como a cita anual de referencia no sector. Vázquez Abeal tamén referiuse á proxección e potencial do sector, lembrando o Premio Nacional de Artesanía que a Fundación Artesanía de Galicia recibiu polo proxecto Enredadas.

A feira de Ofeitoaman, organizada pola Asociación Galega de Artesáns (AGA), conta co apoio da Xunta, a través da convocatoria de axudas para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da competitividade do sector artesán.

Os expositores de Ofeitoaman son obradoiros inscritos no Rexistro Xeral da Artesanía de Galicia e presentan obras acollidas baixo a marca oficial Artesanía de Galicia, que garante a súa cualificación e orixe. Este ano, ademais dos expositores habituais, participan por primeira vez tres novos obradoiros: Paznavas da Coruña, con complementos artesáns; Rosa Fraiz, ourive de Vigo; e Nuria Benlloch, deseñadora e artesá de Vigo, que presenta complementos de moda.

A feira supón unha proposta de mercado de Nadal monográfico, no que os obradoiros participantes presentan as súas creacións orixinais directamente ao público, como unha alternativa cargada de autenticidade, fronte a outros agasallos máis convencionais. Toda a información sobre os expositores pode consultarse na web da feira: www.ofeitoaman.org

O evento, que permanecerá pechado o 1 de xaneiro, conta cun horario de visita de 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 21:00 horas (o 31 de decembro pechará ás 19 h).