Novas

Artesanía de Galicia colabora co L Concurso rexional de gaitas do país en Ponteareas

22-9-2017

A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia este evento de referencia no panorama da música tradicional organizado polo Concello de Ponteareas. Os premios que recibirán mañá os gañadores desta edición foron elaborados por catro obradoiros artesanais galegos.

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, apoia o L Concurso rexional de gaitas do país que terá lugar mañá na localidade pontevedresa de Ponteareas achegando os premios que recibirán os gañadores, elaborados por catro obradoiros artesanais galegos.

Un dos premios que se entregarán no acto de mañá consiste en dúas gaitas de granadillo realizadas polo obradoiro Gaitas Gil, de Ponteareas, Pontevedra. Xosé Manuel Gil abriu o obradoiro en 1999 e moi pronto incorporouse o seu irmán Alfonso. Artesán de instrumentos musicais tradicionais galegos (gaitas e requintas), titulado pola Universidade Popular de Vigo, Xosé Manuel tivo, sen dúbida, un dos mellores mestres: Antón Corral. Con el aprendeu que só o amor polo oficio, a dedicación, a obsesión pola consecución dun son auténtico, farán de cada gaita ese instrumento perfecto.

Outro dos premios está composto por dúas gaitas de granadillo confeccionadas polo Obradoiro Seivane, de Cambre, A Coruña. Xosé Manuel Seivane Rivas construíu a súa primeira gaita en 1939, nun pequeno taller da comarca da Terra Chá, creando así o primeiro selo “Seivane”. Álvaro e Xosé Manuel, incorporáronse dende nenos ao obradoiro no que hoxe continúan o labor iniciado polo seu pai. Con vocación universal e de futuro, o Obradoiro de Gaitas Seivane é a primeira empresa galega na construción, comercialización e exportación de gaitas. Gaitas Seivane foi Premio Nacional de Artesanía no ano 2013 e Medalla Castelao 2014.

Outro dos gañadores recibirá dúas gaitas de granadillo a cargo do obradoiro Lis Latas, de Lugo. Xosé Luís Latas Vilanova pertence a esa nova e brillante xeración de artesáns en que conflúen todos os saberes e técnicas tradicionais de construción da gaita a carón das máis avanzadas investigacións destinadas a mellorar o instrumento nacional galego por excelencia. Así, após un estudo minucioso da construción e afinación das gaitas galegas antigas, o selo Lis posúe un timbre de seu que combina o mellor da estética sonora de hai tempo coa minuciosidade na afinación.

Finalmente, entregaranse dúas gaitas de granadillo manufacturadas polo obradoiro Jesús Represas, de Ponteareas, Pontevedra. Jesús Represas Freita é un afamado construtor de gaitas de Ponteareas e representa a terceira xeneración familiar dedicada a este oficio. O seu avó era Jesús Represas García, fundador do obradoiro na localidade ourensá de Xinzo. Jesús incorpora os últimos adiantos na elaboración de gaitas e caracterízase por unha gran preparación técnica. Exporta un gran número de pezas ao estranxeiro coidando a calidade dos materias que emprega.

O Concurso rexional de gaitas do país é un evento de referencia no panorama da música tradicional e o máis antigo das súas características. Trátase dunha actividade de gran relevancia na promoción integral da cultura galega.