Novas

Artesanía de Galicia colabora na 51 edición do Concurso Rexional de Gaitas de Ponteareas

 

21-9-2018

A agrupación gañadora do certame recibirá unha gaita do obradoiro Gaitas Gil (Ponteareas) e un tamboril do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela). O encontro está consolidado como un referente no panorama da música tradicional galega.

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistirá mañá á entrega de premios do LI Concurso Rexional de Gaitas do País, que se celebra na localidade pontevedresa de Ponteareas e que está xa consolidado como un referente no panorama da música tradicional galega.

Como xa ocorreu o ano pasado, a Xunta de Galicia colabora neste certame, que é o máis antigo de Galicia destas características, a través duns premios Artesanía de Galicia para a agrupación que resulte gañadora desta edición. O galardón consiste nunha gaita elaborada en madeira de granadillo polo obradoiro Gaitas Gil de Ponteareas, así como un tamboril de madeira de nogueira elaborado por Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela). O valor dos dous instrumentos de música tradicional supera os 3.000 euros.

Xosé Manuel Gil abriu o obradoiro en 1999 e moi pronto incorporouse o seu irmán Alfonso. Artesán de instrumentos musicais tradicionais galegos (gaitas e requintas), Xosé Manuel tivo, sen dúbida, un dos mellores mestres: Antón Corral. Con el aprendeu que só o amor polo oficio, a dedicación, a obsesión pola consecución dun son auténtico, farán de cada gaita ese instrumento perfecto.

Sanín Percusión Tradicional é un obradoiro especializado na elaboración e reparación de instrumentos de percursión tradicional galegos, fundado no ano 1990 polo artesán Xosé Manuel Salvado Sanín.

Con estes premios a Fundación Artesanía de Galicia pon en valor o labor e a calidade dos obradoiros artesáns galegos. O Concurso Rexional de Gaitas do País está organizado polo Concello de Ponteareas, que outorga os premios en metálico para as agrupacións de gaiteiros participantes.