Novas

Artesanía de Galicia colabora na 52 edición do Concurso Rexional de Gaitas de Ponteareas

20-9-2019

A agrupación gañadora do certame recibirá unha gaita do obradoiro Gaitas Gil e un tamboril do obradoiro Sanín Percusión Tradicional

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistirá mañá á entrega de premios do LII Concurso Rexional de Gaitas do País, que se celebra na localidade pontevedresa de Ponteareas e que está xa consolidado coma un referente no panorama da música tradicional galega. Neste certame, que é o máis antigo de Galicia destas características, participan grupos de gaitas que toquen con instrumentos tradicionais galegos, sen modificación de ningún tipo.

Como noutras edicións anteriores, a Consellería de Economía, Emprego e Industria colabora a través dos premios que Artesanía de Galicia achega para a agrupación que resulte gañadora desta edición. As pezas que achega consisten nunha gaita elaborada en madeira de granadillo polo obradoiro Gaitas Gil de Ponteareas, así coma un tamboril de madeira de nogueira elaborado por Sanín Percusión Tradicional de Santiago de Compostela.

Xosé Manuel Gil abriu o obradoiro en 1999 e moi pronto incorporouse o seu irmán Alfonso. Artesán de instrumentos musicais tradicionais galegos (gaitas e requintas), titulado pola Universidade Popular de Vigo. Con el aprendeu que só o amor polo oficio, a dedicación, a obsesión pola consecución dun son auténtico, farán de cada gaita ese instrumento perfecto.

Sanín Percusión Tradicional é un obradoiro especializado na elaboración e reparación de instrumentos de percursión tradicional galegos, fundado no ano 1990 polo artesán Xosé Manuel Salvado Sanín.

Con estes premios a Xunta de Galicia quere apoiar aos luthiers galegos e facer promoción do labor e da calidade dos nosos obradoiros artesáns. A calidade e o prestixio deste concurso é o mellor escaparate para estes obxectivos.