Novas

Artesanía de Galicia está presente un ano máis na feira Formex de Estocolmo na búsqueda de novas canles de distribución para o sector

17-1-2018

A Fundación Pública Artesanía de Galicia presenta neste encontro de referencia do deseño escandinavo unha nova colección con pezas de 42 obradoiros artesanais de Galicia. A Consellería de Economía, Emprego e Industria aposta polo impulso á promoción exterior da artesanía galega e a busca de novos mercados.

Estocolmo, 17 de xaneiro de 2018.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa a comercialización e a promoción de Artesanía de Galicia no mercado nórdico na feira de decoración Formex, que se celebra en Estocolmo ata o vindeiro sábado, 20 de xaneiro, unha iniciativa coa que se busca abrir novas canles de distribución para o produto artesanal galego. 

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño presenta na capital sueca unha nova colección de pezas de 42 obradoiros galegos, coa que se ofrece unha proposta para crear ambientes baseados no produto artesán e nos que a artesanía tradicional combina con produtos máis contemporáneos. 

A porcelana, o papel, o vidro, as pezas de coiro, as figuras tradicionais feitas con miga de pan, combinan coa cerámica, a cestería tradicional, a cestería téxtil, a prata, a iluminación e as pezas de cociña de madeira e cubertos na escolma que representa o produto artesán galego en Formex, feira na que Artesanía de Galicia participa desde o ano 2013. 

Formex está considerada unha das feiras profesionais de decoración de referencia do deseño escandinavo e celébrase en dúas edicións anuais, xaneiro e agosto. Trátase dunha oportunidade única para a reunión de axentes, importadores, deseñadores, produtores e compradores de deseño interior e da industria de agasallos, unha porta aberta a un mercado internacional no que o produto artesán galego está a introducirse desde hai 5 anos. 

Entre as novidades da escolma que Artesanía de Galicia presenta nesta edición atópanse as pezas cerámicas de Mar Barral (Catoira), Fani Sánchez Barreiro (A Coruña), Adobe Cerámica (A Coruña), Lanalutum (Lugo), Carlos San Claudio (Vigo), os cubertos de vidro de Polo Enríquez (Cambre), as pezas de cerámica e téxtil de Supervillano (Portonovo), unha peza de Factoría de Androides (Santiago de Compostela) ou os gravados de Xabier de Sousa (Vigo).   

Os obradoiros que xa estiveron presentes en edicións anteriores da feira Formex tamén presentarán novas liñas de produto como é o caso do coiro da man do obradoiro Coiraxe (Vigo), Corzo Artesanía (Arzúa), Jatafarta (Santiago de Compostela), Miolos Design (Mourente) e Cabuxa (Tui). Inclúense tamén as apostas pola iluminación de Lámparasdecarton (Vigo), os coitelos do obradoiro do ferro Celso Núñez Ferreiro (A Fonsagrada) e de MAF Artesanía (Riotorto) ou o téxtil de Artefíos (A Coruña) e o Centro de Recuperación da Cultura Popular (Ponteareas). 

A porcelana estará representada por pezas de Verónica Moar (A Coruña), Como Cuando (Vigo), e Víctor Ares (A Coruña). A cerámica que participa no stand está elaborada polos talleres de Laura Delgado Cerámica (Cambre), Unzueta Cerámica (Brión), Regal Cerámica (Viveiro), Fernando Porto (A Estrada), Mágicos Gagarín (Pazos de Cea), e a recente gañadora da Bolsa Eloy Gesto dos Premios Artesanía de Galicia 2017, Ojea Studio (Vigo).

En canto á olería, están representados os centros de olería tradicional galega de Gundivós, co traballo de Rectoral de Gundivós (Sober) e Buño, coas pezas de olería contemporánea baseadas na ampla tradición oleira desta localidade de Malpica de Bergantiños a partir do traballo de Alfarería Aparicio e Alfarería Rulo. 

No stand comparten espazo os cestos tradicionais de Antonio Suárez Davila (Vigo) e a cestería contemporánea con materiais téxtiles elaborada por Idoia Cuesta (Outeiro de Rei). En canto á madeira, os obradoiros que levan as súas pezas a Formex son Armaior (Quiroga), Artesanía Ferradáns (A Estrada), Atalanta (A Estrada), Cunqueiro (Palas de Rei) e Lorenzo Design (Santiago de Compostela). 

Tamén están presentes nesta nova edición o obradoiro de figuras de pan Jorge Bellón de San Andrés de Teixido, as pezas de Degerónimo (Santiago de Compostela) e Nena Ventura (A Coruña) e a prata que está representada polas exquisitas pezas dos gañadores do Premio Artesanía de Galicia 2016, Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela). 

A participación de Artesanía de Galicia na feira Formex de Estocolmo enmárcase na folla de ruta impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria coa que se busca contribuír ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego. A comercialización e a promoción do produto artesán galego a través da consolidación da marca Artesanía de Galicia nos diferentes mercados constitúe unha das liñas estratéxicas da Xunta de Galicia en materia de artesanía.