Novas

Artesanía de Galicia impulsa a celebración na Coruña do V Encontro Multilabores Terra Meiga

28-1-2017

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, participaron hoxe nesta xuntanza. A Consellería de Economía, Emprego e Industria aposta polo impulso á promoción dos oficios tradicionais da artesanía galega.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, acompañaron hoxe na Coruña ás artesás e artesáns participantes no V Encontro Multilabores Terra Meiga, organizado pola asociación que leva o mesmo nome.

A celebración, que ten lugar durante toda a xornada de hoxe, reúne cada edición a un importante número de profesionais palilleiras e afeccionadas a este oficio, e doutros como a calceta e o centón.

O programa de actividades do encontro, que conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, está aberto ao público en xeral e complétase con distintas demostracións, exposición de pezas de encaixe e a venda de fíos, teas, alfinetes e outros útiles cos que satisfacer as necesidades das asistentes ao evento.

A través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, a Consellería colabora cos organizadores neste tipo de eventos ao longo de todo o territorio galego, co fin de promover o interese da cidadanía de cara ao sector artesanal no seu conxunto e moi especialmente ao encaixe galego, unha das actividades de maior tradición en Galicia.