Novas

Artesanía de Galicia participa na feira profesional Maison & Objet de París

21-1-2011

A Consellería de Economía e Industria promove, por terceiro ano consecutivo, a participación do produto artesán galego na feira Maison & Objet, que se celebra en París do 21 ao 25 de xaneiro. A directora xeral de Comercio, Nava Castro Domínguez, e mais a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro Castro, viaxan hoxe ata a capital francesa para participar na inauguración deste encontro profesional e acompañar os 11 obradoiros artesáns que presentarán o seu traballo no pavillón catro do recinto feiral, nunha zona dedicada ao sector da artesanía e denominada “Crafts – L’Espace”.

A Consellería de Economía e Industria continúa así coa promoción da artesanía galega en feiras internacionais de recoñecido prestixio, como é o caso de Maison & Objet, a través da introdución da marca Artesanía de Galicia como imaxe única dun sector de grande riqueza e heteroxeneidade, como é a artesanía. Deste xeito, a Consellería promove a presenza en París dun escaparate do produto artesán que se realiza hoxe en día en Galicia, representado polos obradoiros Cestería Contemporánea (Outeiro de Rei), Regal Cerámica Artesán (Viveiro) e Cerámica F. Porto (A Estrada); os talleres Cabuxa (Tui) e Santín (Cambre) especializados no traballo artesanal do coiro; os complementos de La Böcöque (Moaña) ou o obradoiro Belategui Regueiro (Cambre) especializado no téxtil. A xoiería estará representada polos talleres Silvereira (Teo) e Maysil (A Estrada), así como polas propostas de Rosa Méndez (Teo), que elabora xoias en vidro, e a xoiería cerámica de Marta Armada (Vigo).

Amparados pola marca e convencidos do alto nivel da nosa artesanía e das grandes oportunidades de negocio do produto feito á man no contexto actual, a Consellería de Economía e Industria continua a impulsar a artesanía galega nos principais mercados europeos. En 2010 o sector artesán galego estivo presente nas feiras en París, Florencia, Frankfurt e Milán, un calendario de feiras que este ano 2011 se inaugura coa participación en Maison & Objet.

Como xa é habitual, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, subvenciona boa parte dos custes de aluguer de cada espazo individual, do transporte e do seguro das pezas, ao tempo que lles proporciona aos artesáns o apoio de dous profesionais de apoio para tarefas comerciais que actúan tamén como tradutores. Como novidade este ano, os beneficiarios desta iniciativa son obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía que teñan concedido o uso da marca por parte da Dirección Xeral de Comercio. En canto aos custos de aluguer de cada espazo individual, a partir deste ano subvencionarase unha porcentaxe diferente en función do número de edicións que o artesán leve participando en cada feira da man de Artesanía de Galicia. Deste xeito, na primeira participación o obradoiro artesán deberá aboarlle á Fundación o 35% do custo do aluguer do espazo, na segunda participación facturaráselle o 40% e na terceira o 45% do custo do espazo.

A través deste tipo de actuacións a Consellería pretende dar a coñecer o traballo dos profesionais galegos, abrir novas canles de comercialización cara ao exterior, ao tempo que contribúe á consolidación de Artesanía de Galicia como marca de calidade e de prestixio nos mercados internacionais.