Novas

Artesanía de Galicia participa na feira Tent en Londres na procura de novas canles de distribución para o sector

21-9-2017

A Consellería de Economía, Emprego e Industria aposta así polo impulso á promoción exterior da artesanía galega e a busca de novos mercados Neste encontro de referencia do deseño preséntase unha colección de pezas de 36 obradoiros galegos na que a artesanía tradicional combina con produtos máis contemporáneos A prata, o téxtil e o coiro únense á cerámica, á cestería tradicional, á cestería téxtil, á olería tradicional ou ás pezas utilitarias en madeira

A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa a comercialización e a promoción de Artesanía de Galicia no mercado británico na feira de decoración e deseño Tent London, que ten lugar na capital do Reino Unido ata o vindeiro domingo 24 de setembro.

Nesta iniciativa coa que se busca abrir novas canles de distribución para o produto artesanal galego, a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño presenta en Londres unha colección de máis de 200 referencias de pezas de 36 obradoiros galegos, coa que se ofrece unha proposta para crear ambientes baseados no produto artesán e nos que a artesanía tradicional combina con produtos máis contemporáneos.

A prata, o téxtil e o coiro únense á cerámica, á cestería tradicional, á cestería téxtil, á olería tradicional ou ás pezas utilitarias elaboradas en madeira na escolma que representa o produto artesán galego en Tent, feira na que Artesanía de Galicia participa desde o ano 2013.

Considerada unha das feiras profesionais de decoración e deseño de referencia, trátase dunha oportunidade única para a reunión de axentes, importadores, deseñadores, produtores e compradores de deseño interior e da industria de agasallos, unha porta aberta a un mercado internacional no que o produto artesán galego está a introducirse desde hai catro anos.

Artesanía de Galicia presenta nesta edición pezas de coiro de Jatafarta (Santiago de Compostela), Corzo Artesanía (Arzúa), Miolos Design (Mourente), Elena Ferro (Merza, Vila de Cruces), Coiraxe (Vigo) e Cabuxa (Tui); así como os produtos téxtiles dos obradoiros Degerónimo (Santiago de Compostela), Belategui Regueiro (Cambre), Artefíos (A Coruña) e o Centro de Recuperación de Cultura Popular (Ponteareas).

En canto á madeira, Lorenzo Design (Santiago de Compostela), Armaior (Quiroga), Cunqueiro (Palas de Rei), Artesanía Ferradáns e Atalanta Madera (A Estrada) participan cos seus produtos.

A porcelana chega da man de Verónica Moar e Víctor Ares (A Coruña) e de Marta Armada e ComoCuando (Vigo). A cerámica que participa no espazo de Artesanía de Galicia está elaborada polos talleres de Unzueta Cerámica (Brión), Laura Delgado Cerámica (Cambre), Madriguera Workshop (Miño), Mágicos Gagarín (Cea) e Ojea Studio (Vigo).

Nesta selección realizada para Tent están representados os centros da olería tradicional galega de Buño, Gundivós e Niñodaguia grazas ás achegas de Alfarería Aparicio e Alfarería Rulo (Buño, Malpica de Bergantiños), Rectoral de Gundivós (Sober) e Alfarería Agustín (Xunqueira de Espadanedo). Tamén participa Olería Pepe Otero (A Coruña).

O público asistente atopará pezas como os coitelos dos obradoiros artesanais do ferro MAF Artesanía (Riotorto) e Celso Núñez Ferreiro (A Fonsagrada), os collage de Nena Ventura (A Coruña), os cestos tradicionais de Antonio Suárez Davila (Vigo) e a cestería contemporánea con materiais téxtiles elaborada por Idoia Cuesta (Outeiro de Rei).

Tamén están presentes nesta nova edición o obradoiro de figuras de pan Jorge Bellón (San Andrés de Teixido, Cedeira) e a prata coas exquisitas pezas dos gañadores do Premio Artesanía de Galicia 2016, Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela).

A participación de Artesanía de Galicia na feira Tent de Londres enmárcase na folla de ruta impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria coa que se busca contribuír ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego. A comercialización e a promoción do produto artesán galego a través da consolidación da marca Artesanía de Galicia nos diferentes mercados constitúe unha das liñas estratéxicas da Xunta de Galicia en materia de artesanía.