Novas

Artesanía de Galicia participa na Festa do Melindre de Melide con exhibición e venda de sete obradoiros artesanais galegos

13-5-2017

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visita a mostra que conta con produtos de xoiería, arranxos florais, bixutería, marroquinería e pratería. A mini feira pode visitarse hoxe e mañá na Rúa do Convento.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visistou este mediodía a mostra de Artesanía de Galicia na que sete obradoiros artesanais de oficios como a xoiería, a marroquinería, os complementos, a pratería ou os elementos decorativos venden e exhiben os seus produtos no marco da XXVI Festa do Melindre e da Repostería Tradicional de Melide.

A mostra, organizada pola Asociación Galega de Artesáns e que conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, ten por obxectivo impulsar a comercialización do produto artesán feito na nosa comunidade e servir de vía de promoción do traballo dos creadores que contan coa marca Artesanía de Galicia. Estará aberta hoxe e o domingo a partir das 11:00 horas na Rúa do Convento.

Os sete obradoiros que participan nesta feira son: Artesaniaenplata. de Marín (Pontevedra), Plata Nativa de Sada (A Coruña), Zimzelatum de Gondomar (Pontevedra), Rosa Higuero de Cabanas (A Coruña) con produtos de xoiería e pratería; Taller Viola de Oza-Cesuras (A Coruña) con arranxos florais, a colareira Montse Betanzos do Grove (Pontevedra) e Senda da Pobra de Brollón (Lugo) cos seus produtos de marroquinería.