Novas

Artesanía de Galicia presenta o proxecto ENREDADAS nunhas xornadas sobre cultura e igualdade

16-3-2018

A xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participa esta tarde en Madrid nas Xornadas #Cultura #Igualdad #Diversidad #DesmontandLosMitos, que se celebran ata o sábado en Madrid. Elena Fabeiro falará sobre o impulso da Xunta á diversificación da actividade das redeiras galegas, co que a Fundación recibiu o Premio Nacional de Artesanía 2016, no marco dunha mesa redonda sobre creadoras na periferia e desenvolvemento rural e económico das mulleres rurais.

A xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participará esta tarde nas xornadas #Cultura #Igualdad #Diversidad #DesmontandoLosMitos, que se celebran ata mañá sábado en Madrid, onde presentará ENREDADAS, un proxecto de boas prácticas de diversificación profesional dirixido ás redeiras de Galicia, co que a Fundación Pública Artesanía de Galicia recibiu o Premio Nacional de Artesanía 2016 na categoría Promociona para Entidades Públicas.

Ás 19:00 horas, no espazo creativo Lanau (R/Mallorca, 4), Elena Fabeiro participa como poñente na mesa redonda “Creadoras nas periferias. Proxectos culturais para o empoderamento das mulleres rurais e o desenvolvemento social e económico”, onde presentará a iniciativa da Xunta de Galicia para a posta en valor do traballo das redeiras artesás e do seu oficio, apoiando a diversificación da súa actividade profesional co fin de conseguir melloras económicas e unha maior visibilidade para este colectivo.

As Consellerías de Economía, Emprego e Industria e a Consellería do Mar unen esforzos neste proxecto baseado na formación especializada deste colectivo, a través de accións dirixidas por profesionais do sector da moda e do deseño, apostando así pola colaboración intersectorial que lle abre as portas ás artesás redeiras a un mercado contemporáneo que complementa e diversifica a súa labor tradicional.

A formación e a colaboración entre artesanía e outras áreas de traballo forman parte da estratexia da Consellería de Economía, Emprego e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal.