Novas

Artesanía de Galicia protagoniza a feira creativa do Mercado da Estrela en Santiago de Compostela

21-12-2019

O secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Borja Verea, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron hoxe a iniciativa, que conta coa colaboración da Xunta. Un total de 28 obradoiros artesáns de 15 oficios diferentes participan este ano no Mercado.

O secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Borja Verea, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron hoxe en Santiago de Compostela o Mercado da Estrela, que se celebra cada ano nas datas previas ao Nadal e que conta coa colaboración da Xunta. Na Feira Creativa desta iniciativa, que ten lugar durante toda a fin de semana no edificio Obra Social Abanca, na praza de Cervantes, participan 28 obradoiros rexistrados na marca Artesanía de Galicia, de 15 oficios distintos como a xoiaría e bixutería, o coiro, a madeira, a cerámica e olería, a tornería de madeira, os complementos de moda, o debuxo, o traballo con corda de algodón, así como instrumentos musicais, lámpadas, colareiras, téxtil e bordados.

Entre os talleres de Artesanía de Galicia que participan na feira está Variopinto (Santiago de Compostela), que vén de gañar a Bolsa Eloy Gesto dos Premios Artesanía de Galicia 2019. Ademais, participan os obradoiros de cerámica e olería O Falsete (Malpica), Obradoiro Gorín (Malpica), Unzueta Cerámica (Brión), Víctor Ares (A Coruña) e Xaime Piñeiro (Santiago de Compostela). A xoiería e bixutería está representada por Ferraxe de prata (Teo), Leónlagata (Sanxenxo), Latontaylarubia (Santiago de Compostela), Milena Colella (Santiago de Compostela), Nena Ventura (A Coruña) e Paseloqpase (Vilagarcía de Arousa).

En representación do sector da madeira están Artesanía Silvent (Caldas de Reis) e Ilextalla (Santiago de Compostela). A Factoría Atelier (O Grove) leva produtos de coiro e madeira e Jatafarta (Santiago de Compostela) pezas de coiro, Paparolo Ocarina (Teo) instrumentos, Pilar Cupeiro (Cospeito) lámpadas e Degerónimo (Santiago de Compostela) pezas elaboradas con corda de algodón. Os obradoiros de téxtil son Belategui Regueiro (Cambre), Boina Galega (Santiago de Compostela), Io Obradoiro Téxtil (Santiago de Compostela) e Liño e lá (Gondomar). Tamén se expoñen complementos de Lucecús (Guitiriz), Malvina Sellanes (Santiago de Compostela) e Mamaié (Ourense) e da colareira Montse Betanzos (O Grove), así como o traballo de pintura en tea de María Feijoo (Santiago de Compostela).