Novas

Baiuca e Fanfarria Taquikardia protagonizarán as actuacións musicais do evento 'Corazón da Artesanía' en Agolada

30-6-2019

Chus Silva DJ, Moreno Moreno e Xirandaina, completan a programación musical deste evento de referencia na posta en valor dos oficios artesanais galegos A Xunta impulsa o VIII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada entre o 5 e o 7 de xullo Este evento de referencia na posta en valor dos oficios tradicionais contará cun total de 66 artesáns de 27 oficios diferentes e 47 expositores de produtos de alimentación Showcookings, talleres participativos nos que iniciarse na artesanía e cursos especializados completan a programación

A música será unha das protagonistas do Corazón da Artesanía, VIII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra en Agolada (Pontevedra) entre o 5 e o 7 de xullo. As actuacións de grupos recoñecidos da escena galega complementará as actividades de divulgación e posta en valor dos oficios artesanais galegos, a venda de produtos de Artesanía de Galicia e gourmet, así coma os showcookings que porán en relación gastronomía e artesanía. A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, organiza este encontro no conxunto histórico-artístico Os Pendellos de Agolada (Pontevedra), que se consolida como unha cita de referencia no sector.

As actuacións musicais de Baiuca ás 22,00 horas e Fanfarria Taquikardia na Praza do Concello a partir das 22,30 horas, permitiralle ao público continuar as xornadas lúdicas do venres e do sábado, respectivamente, unha vez rematada a feira.

A actuación da noite do venres correrá a cargo de Baiuca (Catoira. Pontevedra), un proxecto musical dirixido por Alejandro Guillán, que achega a tradición galega á vangarda e á electrónica, empregando instrumentos tradicionais como cunchas, frautas, gaitas ou ocarinas que se asocian con sintentizadores, caixas de ritmo e programacións. Este grupo de Catoira está posicionándose na escena musical e vén de participar nos concertos de “O Son do Camiño”. O seu segundo álbum “Solpor” (2018) foi destacado pola prensa musical, catalogado como un dos álbumes máis revolucionarios á hora de misturar música de raíz con innovación e vangarda. Este ano vén de lanzar a súa última publicación “Misturas” (2019) e ten programada a presencia en importantes citas como o Bilbao BBK Live, Warm Up ou Mallorca Live Festival, entre outros.

O sábado pola mañá está programada o pasacalles do Grupo Bico da Balouta de Agolada de 11,30 horas a 13,00 horas e a actuación do Dj Moreno Moreno na sesión vermú das 13,00 horas, que iniciou a súa andaina no local pontevedrés Bolboreta e ademais de pinchar noutros locais galegos participou en festivais como Agrocuir, FLOP Festival ou Compostela Diversa. Caracterízase por un estilo ecléctico que mestura desde a música pop ata a alternativa, ritmos latinos, electrónica e techno.

Os vigueses Fanfarria Taquikardia presentarán na noite do sábado o seu segundo traballo discográfico, Café Bar Sovia, que continúa a súa preferencia polos ritmos balcánicos e os sons festeiros que teñen levado por múltiples eventos. A banda está integrada por instrumentos de vento-metal e percusións varias.

Na xornada do domingo a Sesión Vermú Lodeiros estará amenizada por Chus Silva Dj a partir das 13,00 horas na Praza do Concello. Chus Silva comezou a súa andaina en 2013 no Ultramarinos de Santiago de Compostela e ambientou coa súa música outros locais típicos da noite compostelá (La Radio, Crechas, Kuntshalle e A Carrilana), así como o Twist&Shout do Grove ou o Nautico de San Vicente. Ademais, participou en eventos e festivais como os Atardeceres do Gaias, Sala Capitol, a Festa do Cristo Barco de Valdeorras, Despunte ou Artesanía no Prato. A electrónica de vangarda é o fío conductor das súas actuacións, nas que emerxe o espírito do rock nunha selección musical nas que busca a experimentación e innovación.

E pola tarde, ás 19,00 horas, a actuación da Asociación Folklórica Cultural Xirandaina, de Santiago de Compostela, pechará a programación musical do Encontro con bailes, música e cantos tradicionais galegos.

O Corazón da Artesanía, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, convértese cada ano nun evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas, a través dun amplo programa de actividades.

Ademais dos postos de exposición e venda, cun total de 66 artesáns de 27 oficios diferentes e 49 expositores de produtos de alimentación, durante os tres días que dura o evento o público poderá ver demostracións de oficios tradicionais e participar nos talleres abertos para todos os públicos nos que iniciarse na artesanía.