Novas

Cociñeiros e artesáns abren novas vías de colaboración nun encontro profesional organizado pola Xunta

1-10-2017

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, visitou o 'Espazo Cociña' das xornadas ‘Artesanía no Prato’, nas que a gastronomía galega máis innovadora se serve en Artesanía de Galicia. O restaurante compostelán Abastos foi o encargado dunha sesión vermú presentada en diferentes pezas elaboradas por obradoiros galegos. O evento, no que se expoñen as propostas para as hostalería e a restauración de máis de 30 profesionais da cerámica, a madeira, o téxtil, coitelos e prata, continúa mañá cun curso sobre Instagram e a proxección de dous filmes, ademais de diferentes demostracións.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou este mediodía as I Xornadas profesionais Artesanía no Prato, que hoxe e mañá organiza a Consellería de Economía, Emprego e Industria na Cidade da Cultura de Galicia.

Vázquez Abeal participou na sesión vermú que se celebrou no Espazo Cociña, no que a gastronomía galega máis innovadora se serve en Artesanía de Galicia. Os cociñeiros do restaurante Abastos de Santiago de Compostela foron os encargados dun showcooking para profesionais e prescritores presentado en diferentes pezas de olería, madeira ou téxtil elaboradas por obradoiros galegos.

Este encontro, que afonda nas sinerxías e colaboracións entre a hostalaría e a restauración e o sector artesán galego, acolle hoxe tamén un curso de Fotografía de comida impartido por José Lourenço, ademais de diferentes conversas nas que participarán Félix Sanz, director do CEARCAL (Centro Rexional de Artesanía de Castela e León) ás 16:45; a deseñadora Ana Roquero de Cookplay ás 17:30 e a artesá Inés Rodríguez, de Rir&Co Artesanía, xunto co cociñeiro con estrela Michelín Pepe Solla, que a partir das 18:30 presentarán o seu proxecto de colaboración Naveta acompañados pola xornalista María Solar. O Espazo Cociña tamén acollerá demostracións dos cociñeiros do grupo Nove: Pepe Solla, Juan Crujeiras e Lucía Freitas.

Programación para mañá

Para mañá luns, ademais da exposición de pezas de Artesanía de Galicia de máis de 30 obradoiros da cerámica, a madeira, o téxtil, coitelos e prata, inclúese ás 16:30 a proxección do documental "Cociñando na fin do mundo. Unha viaxe pola nova cociña", da produtora Esmerarte e ás 18:30 proxectarase a película 18 Comidas, dirixida por Jorge Coira.

O Espazo Cociña, reservado a potenciais prescritores, acollerá ás 13:30 presentacións de Jorge Gago (A Maceta, Santiago de Compostela), Álvaro Fuentes (A Meloxeira, O Grove) e Diego López Moli (A Molinera, Lalín), no marco da iniciativa Artesanía na lata, cociñando con conservas certificadas de PescadeRías.

Ademais, nesta mesma zona para prescritores o programa Do prato á mesa contará con espazos temáticos dedicados a diferentes produtos como o pan da man de Eladio Pazos (Santiago de Compostela), os queixos das diferentes D.O.P a cargo de Faragulla Eventos (Chantada), o xamón de Torre de Nuñez, o sushi bar de Izakaya Markesa (Santiago de Compostela), os doces de A Maceta (Santiago de Compostela), o café de Óscar de Toro e os viños das diferentes denominacións de orixe protexidas.

Ademais, previa inscrición, desenvolverase en horario de 11:00 a 16:00 horas un curso de formación sobre a técnica da fotografía de comida impartido polo artista plástico e fotógrafo portugués José Lourenço. O programa completo está dispoñible na páxina web de Artesanía de Galicia http://artesaniadegalicia.xunta.gal/

Obradoiros participantes

Os obradoiros artesanais que presentarán os seus produtos nesta primeira edición das Xornadas Artesanía no Prato son Adriana Echeverría - MAGMA (Pontevedra); Alfarería O Rulo (Buño - Malpica de Bergantiños); Armaior (Quiroga); Arteviares (A Coruña); Artesanía Ferradáns (A Estrada); Atalanta Madera (A Estrada); Carlos San Claudio (Vigo); Cerámica Suve (Cangas); Cerámica Unzueta (Brión); Coitelos Fonsagrada CF (A Fonsagrada); Degerónimo (Santiago de Compostela); Estudio Estampa (Mondoñedo); Fani Sánchez Barreiro Cerámica (A Coruña); Fernando Porto (A Estrada); Galeare (Xinzo de Limia); Idoia Cuesta (Outeiro de Rei); La Platanera (Illa de Arousa); Laura Delgado (Cambre); Lorenzo Design (Santiago de Compostela); Madriguera Workshop (Miño); Manuel Figueiras (Muros), María Feijóo (Santiago de Compostela); Medialúa (Santiago de Compostela); Noroeste (Santiago de Compostela); Ojea Studio (Vigo); Olería Aparicio (Buño - Malpica de Bergantiños); Pepe Otero Oleiro (A Coruña); Rectoral de Gundivós (Sober); Regal Cerámica (Viveiro); Rir & Co. (Allariz); Verónica Moar (A Coruña) e Víctor Ares (A Coruña).