Novas

Conde adianta que 35 obradoiros, 12 concellos e unha asociación beneficiaranse este ano da liña de axudas para promover a Comercialización da Artesanía Galega

22-8-2017

Avanza que a Xunta acaba de resolver estas axudas por un importe de 201.000 euros Dos obradoiros que se van acoller a estas axudas convocadas en marzo deste ano, 17 son da provincia da Coruña, 10 da provincia de Pontevedra, sete de Lugo e un de Ourense Os concellos que van recibir estes apoios para a realización de feiras de artesanía, son Bóveda, Cospeito, Mondoñedo, Monforte, Viveiro, Outeiro de Rei, Triacastela, Camariñas, Oleiros, Malpica, Carnota e Cerdedo-Cotobade. E, finalmente, a Asociación Galega de Artesáns Conde destaca que este ano a Xunta destina un 23% máis de orzamento, 1,1 millóns de euros, para promover a formación, a innovación, as feiras tradicionais e o traballo das asociacións de artesáns Subliña que Katuxa Platero concentra os valores que definen o traballo artesán que se fai en Galicia: arte, deseño, xuventude e moda, unido á experiencia e á sabedoría que alberga un oficio tan arraigado nesta terra

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, adiantou hoxe que a Xunta acaba de resolver a convocatoria de axudas para promover a comercialización da artesanía galega por un importe de 201.000 euros. Segundo sinalou, estas beneficiarán a 35 establecementos, 12 concellos e a unha asociación.

Dos obradoiros que se van acoller a estas axudas convocadas en marzo deste ano, 17 son da provincia da Coruña, 10 da provincia de Pontevedra, sete de Lugo e un de Ourense. No que respecta aos concellos que van recibir estes apoios para a realización de feiras de artesanía, son Bóveda, Cospeito, Mondoñedo, Monforte, Viveiro, Outeiro de Rei, Triacastela, Camariñas, Oleiros, Malpica, Carnota e Cerdedo-Cotobade. E, finalmente, a Asociación Galega de Artesáns.

Conde, que hoxe visitou en Santiago a xoiaría Katuxa Platero, sinalou que estas axudas son un importante apoio para o sector, ao que este ano a Xunta destina un 23% máis de orzamento, 1,1 millón de euros, para promover a formación, a innovación, as feiras tradicionais e o traballo das asociacións de artesáns.

Salientou ao respecto que se trata dun oficio que nos últimos anos vai en ascenso en Galicia onde, actualmente, existen 2901 artesáns rexistrados, 550 talleres, 89 actividades recoñecidas —entre elas, unha nova, a de sombreirería—, e un total de 60 tendas adheridas.

Un exemplo do que hoxe en día representa a artesanía galega

No caso de Katuxa Platero, resaltou que é un exemplo do que hoxe en día representa a artesanía galega: tradición e vangarda. E que concentra os valores que definen o traballo artesán que se fai en Galicia: arte, deseño, xuventude e moda, unido á experiencia e á sabedoría que alberga un oficio tan arraigado nesta terra.

O principal reto, concluíu, é “acompañar ao sector” e “seguir consolidando a marca Artesanía de Galicia” para que sexa un referente e se identifique coa calidade e con esa mestura de tradición, vangarda, deseño e moda.