Novas

Conde asegura que a artesanía de Galicia “está máis viva que nunca” e destaca o seu potencial e prestixio

18-12-2017

O Premio Artesanía de Galicia 2017 foi para a peza ‘A cunca en minifundio’ de Rodrigo Riveiro (Teo); o Premio Traxectoria, para Obdulia Rodríguez González, ‘Lula’ (Sober); e a Bolsa Eloy Gesto para Paula Ojea (Vigo) O conselleiro indica que o sector conta con 3000 profesionais inscritos, máis de 60 tendas e 550 obradoiros e salienta o seu papel na dinamización do eido rural. A Xunta recibiu este ano o Premio Nacional de Artesanía polo proxecto Enredadas e fomentou a comercialización e competitividade de 35 obradoiros, 12 concellos e a Asociación Galega de Artesáns.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá na Cidade da Cultura no acto de entrega dos Premios Artesanía de Galicia 2017, nos que asegurou que este sector, do que destacou o seu potencial e prestixio, está “máis vivo que nunca”.

Tal e como lembrou, estes galardóns naceron co obxectivo de consolidar o posicionamento e prestixio da marca Artesanía de Galicia -que conta con puntos de venda en 42 países-, sensibilizar a sociedade sobre a súa importancia como motor económico e cultural da Comunidade; potenciar o relevo xeracional e impulsar a formación e innovación no sector.

O Premio Artesanía de Galicia, dotado con 6.000 euros e que recoñece a obra que representa unha artesanía competitiva polo seu deseño, adaptación ou conservación de técnicas e valores tradicionais, a incorporación ás tendencias actuais ou a innovación, recaeu nesta edición na peza A cunca en minifundio de Rodrigo Riveiro do obradoiro Ferraxe de Prata, en Teo. Este artesán destaca pola creación de pezas únicas e exclusivas dándolle unha nova oportunidade aos materiais, como a louza vella e rota. A obra gañadora é un colar de formas xeométricas e orgánicas a base de louza e prata.

O Premio Traxectoria 2017, un galardón honorífico, sen dotación e que pretende recoñecer a carreira profesional así como a contribución do premiado á promoción da artesanía, foi para Obdulia Rodríguez González Lula, de Sober (Lugo). A homenaxeada dedicou 30 anos da súa vida a recuperar e dar a coñecer a olería tradicional de Gundivós.

Por último, o Premio Bolsa Eloy Gesto, que premia con 4.000 euros a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro de referencia no eido da artesanía e o deseño, entregouse a Paula Ojea, de Ojea Studio, en Vigo. Esta ceramista e enxeñeira combina as súas dúas paixóns nas pezas que realiza a man de xeito individual, o que as dota dunha combinación de precisión e irregularidade, exactitude e singularidade que as fai únicas.

Na súa intervención, o conselleiro destacou que a artesanía galega está en auxe, con preto de 3.000 artesáns rexistrados e máis de 60 tendas e 550 obradoiros, un sector que dá emprego a máis de 5.000 persoas e que se está a consolidar como unha vía de dinamización económica e turística, especialmente no ámbito rural.

Tal e como destacou Conde, “o futuro da artesanía escríbese en clave de talento e innovación” e insistiu no esforzo que a Xunta seguirá a facer en aspectos como a formación e a introdución das novas tecnoloxías para a adaptación do sector ás novas tendencias.

Neste sentido ratificou o compromiso do Goberno galego co impulso do prestixio deste sector a través de axudas para fomentar a súa comercialización e competitividade -este ano chegaron a 35 obradoiros, 12 concellos e á Asociación Galega de Artesáns-; apoiando a formación coa organización de diferentes cursos; buscando novas oportunidades en feiras internacionais, iniciativas como o espazo Pop up Galicia, Saberes e Sabores en Madrid, ou eventos como Artesanía no Prato e Corazón da Artesanía de Agolada que este ano recibiu 9.000 visitas, consolidándose como a cita anual de referencia no sector. Conde finalizou referíndose á proxección e potencial do sector lembrando o Premio Nacional de Artesanía que recibiu recentemente polo proxecto Enredadas.