Novas

Conde destaca a incorporación de novos talentos e visións a un sector artesán competitivo e renovado

2-4-2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, entregou hoxe as cartas de artesán aos participantes no programa da Xunta para a formación dual de aprendices. Na primeira edición da iniciativa participaron 48 bolseiros, que puideron aprender oficios tradicionais como a xoiaría, a cerámica, a cestería, a encadernación, a vidrería, o téxtil ou a construción de embarcacións. A nova convocatoria do programa está aberta á presentación de solicitudes ata o vindeiro 16 de setembro

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a incorporación de novos talentos e novas visións a un sector artesán competitivo e renovado, no que hoxe traballan máis de 5.000 persoas, e que conta con máis de 3.000 artesáns e 635 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Conde entregou as cartas de artesáns a participantes no programa para a incorporación de aprendices impulsado pola Xunta, en cuxa primeira edición participaron 44 obradoiros que formaron a 48 bolseiros de diferentes disciplinas de Formación Profesional, Deseño Industrial e Belas Artes. Puideron así aprender oficios tradicionais como a xoiaría, a cerámica, a construción de instrumentos musicais, a cestería, a encadernación, a vidrería, o téxtil e mesmo a construción tradicional de embarcacións. A nova convocatoria deste programa, que adapta a formación dual ás características propias do sector artesán, está aberta á presentación de solicitudes ata o vindeiro 16 de setembro.

Na súa intervención, Conde apuntou que Artesanía de Galicia, presente en feiras de referencia en Londres, Estocolmo, París ou Milán, é hoxe unha marca de prestixio internacional, lembrando que a Xunta vén de convocar as axudas para seguir contribuíndo á mellora da comercialización e á proxección do sector artesán galego, das que poden beneficiarse obradoiros, asociacións profesionais do sector e concellos, para organizar e participar en feiras nacionais e internacionais.

Días Europeos da Artesanía

O acto de hoxe enmárcase nos Días Europeos da Artesanía, que se celebran ata o domingo. Trátase dunha iniciativa promovida en España pola Fundación Española para a Innovación da Artesanía (Fundesarte) e na que a Xunta colabora por oitavo ano consecutivo. Baixo a mesma teñen lugar diferentes eventos de divulgación e posta en valor dos oficios artesáns. Así, ofrécense diferentes propostas de demostracións abertas de oficios artesáns e xornadas de portas abertas por toda Galicia.

Na provincia da Coruña, participan o obradoiro de olería de Buño Alfarería Aparicio, Mi recuncho del repujado (Ferrol), e Artesanías no Navalón (Santiago de Compostela), así como a artesá Charo López. En Lugo, son Regal Cerámica e o Concello de Cervo os que se suman á iniciativa, mentres que en Ourense cóntase coa participación da artesá Paz Carro. En Pontevedra, organizan actividades o obradoiro Estilo Aramar (Pontevedra), a Escola Municipal de Artes e Oficios do Concello de Vigo, o Concello de Gondomar e o estudio-obradoiro de cerámica Alén das Olas (Marín), ademais da ceramista de Catoira Mar Barral. Toda a información, horarios e localización destas actividades poden ser consultadas na páxina web www.diasdelaartesania.es.