Novas

Conde destaca en Buño o papel da artesanía de Galicia na dinamización económica do rural galego

4-8-2017

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apunta que, ademais de constituír un patrimonio cultural incalculable, os oficios tradicionais forman parte da oferta turística de calidade de Galicia. Salienta que a Mostra da Olería de Buño é a feira decana da artesanía galega, celebrando xa a súa trixésimo cuarta edición como un referente. Apunta que a olería é unha importante actividade económica e un dos oficios con máis tradición e repercusión dentro e fóra da Comunidade. Subliña que as pezas desta zona son parte imprescindible das escolmas que Artesanía de Galicia amosa cada ano en feiras internacionais, o que ten contribuído a que se comercialicen xa en países como Xapón ou Australia.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apuntou hoxe na inauguración da Mostra da Olería de Buño que a artesanía de Galicia, ademais de ser un patrimonio cultural cun valor incalculable, contribúe á dinamización económica e á fixación de poboación no rural galego, ao tempo que forma parte da oferta turística de calidade que cada ano atrae máis visitantes a Galicia.

Tal e como salientou o conselleiro, a Mostra da Olería de Buño é a feira decana da artesanía galega, celebrando xa a súa trixésimo cuarta edición como un referente da olería galega. Conde destacou que, grazas ao intenso labor de recuperación, hoxe Buño é “sinónimo de cerámica, e non só en Galicia e por toda España, senón tamén fóra das nosas fronteiras”.

Así, apuntou que as pezas desta zona son parte imprescindible das escolmas que Artesanía de Galicia amosa cada ano en feiras internacionais, o que ten contribuído a que se comercialicen xa en países tan afastados como Xapón ou Australia.

Francisco Conde salientou que a Mostra da Olería de Buño, que se celebra ata o día 13, afonda no labor de difusión e comercialización da olería, ao tempo que favorece o coñecemento das pezas actuais e continúa coa recuperación das formas antigas, implicando a todos os axentes relacionados con este oficio nun proxecto común.

Na súa intervención durante a inauguración do encontro, Conde apuntou, así mesmo, que a olería é unha importante actividade económica e un dos oficios da artesanía de Galicia con máis tradición e repercusión.