Novas

Conde destaca Fink Orfebres como exemplo dun sector artesán competitivo e que aposta pola innovación e a internacionalización

19-9-2018

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou o obradoiro compostelán, que actualiza a ourivería con novos deseños e materiais. A empresa participa nun programa autonómico para a incorporación de aprendices grazas ao cal xa hai preto de 30 persoas formándose e aprendendo un oficio en distintos obradoiros artesanais. A Xunta apoia a promoción comercial da artesanía galega en 53 feiras nacionais e internacionais. Desde mañá e ata o domingo, Artesanía de Galicia participa na London Design Fair, cunha colección de pezas de 40 artesáns.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe na súa visita a Fink Orfebres, en Santiago de Compostela, que este obradoiro deixa patente que a Artesanía de Galicia é un sector competitivo porque aposta pola formación, a innovación e o deseño e a internacionalización. Esta empresa, con 25 anos de traxectoria, é unha das primeiras participantes no novo programa para a incorporación de aprendices aos obradoiros artesanais galegos impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Grazas a esta iniciativa, que adapta a formación dual ás características propias do sector, posibilitando a transmisión das técnicas artesanais ao tempo que se ofrece aos aprendices formación teórica e prácticas, xa hai formándose en distintos obradoiros preto de 30 persoas, cifra que aumentará nas próximas semanas.

Na súa visita, o conselleiro fixo fincapé na importancia do deseño para incrementar a competitividade do tecido empresarial, un aspecto que se está a potenciar a través do programa Deseño para a Innovación 2020. Neste eido, Fink Orfebres é unha das empresas de artesanía de referencia en Santiago de Compostela polo seu traballo por recuperar a tradición da ourivería compostelá e actualizala con novos deseños e materiais.

Fink Orfebres, que conta tanto coa marca Artesanía de Galicia como co selo de Galicia Calidade, asiste co seu apoio a distintas feiras internacionais. A proxección no exterior é un dos eixos de colaboración da Xunta co sector, e así, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia este ano a promoción comercial da artesanía galega en 53 feiras nacionais e internacionais.

Ademais, a marca Artesanía de Galicia participa cada ano en encontros de referencia como Formex, en Estocolmo, ou a London Design Fair. Neste último, que se celebra desde mañá e ata o próximo domingo na capital británica, Galicia buscará novas oportunidades de negocio cunha colección de pezas de 40 artesáns coa que se presenta unha proposta integral para os fogares contemporáneos, onde a artesanía tradicional comparte espazo e protagonismo con pezas artesás de deseño máis actual.