Novas

Conde salienta en Agolada que a artesanía de Galicia actúa como motor de dinamización socioeconómica e turística do rural

8-7-2017

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria visitou esta mañá o encontro ‘Corazón da Artesanía’ no conxunto histórico-artístico dos Pendellos, que este fin de semana se converten no escaparate dos oficios tradicionais galegos. Subliña que nesta cita conviven as propostas máis enxebres cos traballos máis contemporáneos do sector. Apunta que a Xunta vén de convocar os premios Artesanía de Galicia 2017, cos que se potencia a creatividade e se impulsa o relevo xeracional. Mantén un encontro con responsables da empresa xaponesa HP France, cliente da compañía galega D-Due e que distribúe produtos de Artesanía de Galicia nos seus establecementos.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou esta mañá na súa visita ao VI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia. Corazón da Artesanía que a artesanía galega é unha marca que mestura tradición e modernidade, cultura e patrimonio e que actúa, ademais, como un motor de dinamización socioeconómica e turística do rural galego.

O conselleiro, que subliñou que nesta cita conviven as propostas máis enxebres cos traballos máis contemporáneos, apuntou, como parte do traballo a prol do sector que realiza a Xunta, a convocatoria dos premios Artesanía de Galicia 2017, cos que se potencia a creatividade e se impulsa o relevo xeracional e cuxo prazo de presentación permanecerá aberto do 2 ao 17 de novembro.

Conde tivo a oportunidade de visitar as distintas actividades que se desenvolven hoxe nos Pendellos, ademais de manter un encontro con responsables da empresa xaponesa HP France, cliente da compañía galega D-Due e que distribúe produtos de Artesanía de Galicia nos seus establecementos.

No Corazón da Artesanía, organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, pode verse ata mañá o traballo de 50 obradoiros artesáns, que representan a 23 oficios diferentes. Os distintos pendellos acollen 33 postos de exposición e venda de produtos de artesanía, mentres que os restantes artesáns serán os encargados dos diferentes talleres. Tanto o público infantil como o adulto que visite Agolada pode participar en obradoiros abertos nos que realizar diferentes actividades relacionadas coa artesanía.

Ademais, para os profesionais e público interesado, a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño pon en marcha diferentes cursos formativos. Outro dos atractivos do Corazón da Artesanía son os 50 postos de produtos alimentarios de calidade, onde hai espazo tanto para produtos tradicionais como para novos produtos. Ademais, diferentes food trucks ofrecen comida preparada na praza da vila.

Programación para o domingo

Despois de acoller hoxe os showcookings de Héctor López e Diego López, “Moli”, e o concerto de Radio Cós, ademais do Campus dos Oficios, entre outras actividades, mañá domingo ás 13 horas haberá sesión vermú Lodeiros, amenizada coa actuación da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos.

Ás 13:30 e ás 15:00 horas volve a iniciativa Artesanía no prato, co showcooking do cociñeiro Javier Rodríguez Ponte, Taky, do cátering Boketé, e ás 18:00 horas haberá unha cata e degustación de tisanas galegas a cargo da empresa Orballo. A actuación do Coro Tradicional e Grupo de Baile da Agrupación Cantigas e Agarimos servirá, ás 19:30 horas, de peche do encontro.