Novas

Conde salienta que o Pop Up 'Saberes e sabores' achega a Madrid a perfecta maridaxe entre a cociña e a artesanía de Galicia

25-5-2018

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, inaugurou este evento no que ata o 3 de xuño están á venda pezas de máis de 50 profesionais da artesanía galega e 16 empresas de alimentación. Salienta que trala boa acollida da primeira edición o Palacio de Santa Bárbara volve converterse no mellor escaparate da fusión do talento galego. Apunta que hoxe contamos cun 27% máis de talleres artesáns en Galicia e cunha xeración de chefs que acapara 11 Estrelas Michelín. No evento haberá degustacións, catas, presentacións de produtos, talleres de oficios artesáns abertos para familias e showcookings con recoñecidos cociñeiros.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, inaugurou hoxe en Madrid o Pop Up Galicia. Saberes e Sabores, que se celebra no Palacio de Santa Bárbara (Rúa Hortaleza, 87) ata o 3 de xuño. Conde apuntou que, trala boa acollida da primeira edición, esta iniciativa volve converterse no mellor escaparate da fusión do talento galego, sinalando que Galicia conta cun 27% máis de talleres artesáns e cunha xeración de chefs que acapara 11 Estrelas Michelin.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Artesanía de Galicia, e en colaboración con Galicia Calidade, organiza este evento no que se presenta unha selección de pezas de máis de 50 profesionais da artesanía galega, así como unha representación de produtos gourmet de 16 empresas de alimentación. Ademais, haberá degustacións, catas, presentacións de produtos, talleres de oficios artesáns abertos para familias e showcookings con recoñecidos cociñeiros galegos. A iniciativa complétase coa Terraza Galicia, que conta cun menú de especialidades galegas.

Un total de 12 empresas artesás galegas traslándanse a Madrid para presentar e vender in situ as súas pezas. Trátase do obradoiro de tornería Atalanta Madeira (A Estrada); o ferreiro Celso Núñez (A Fonsagrada); a cesteira Idoia Cuesta (Outeiro de Rei); o obradoiro de complementos en corda de algodón Degerónimo (Santiago de Compostela); os artesáns especializados no traballo da madeira Lorenzo Design (Santiago de Compostela); o obradoiro de pintura sobre seda de María Feijóo (Santiago de Compostela); a colareira Montse Betanzos (O Grove); a xoiaría de Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela); a cerámica de Ojea Studio (Vigo); a xoieira Pilar Rodal (Vigo); o obradoiro de coiro de Santiago Besteiro Design (Monterroso) e a cerámica de Ana Tenorio, do obradoiro Witchneeds (Vigo).

No programa de actividades está previsto realizar demostracións de oficios artesáns e talleres de artesanía abertos a público de todas as idades que estarán dedicados ao torneado cerámico, a cargo de Carlos San Claudio (Vigo) e Susana González (A Coruña); ao tecido manual impartido por María José Martínez e José Antonio Carrera (Vigo); á elaboración de redes e nós mariñeiros dirixido pola artesá Rosa Rodríguez (Ponteceso), da Asociación Illa da Estrela de Corme; ao manipulado de papel, impartido polo obradoiro Anaquiños de Papel (A Coruña) e á construción de pandeiretas tradicionais, a cargo do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela).

Os expositores de produtos gastronómicos de calidade son Casa da Avoa (Outes), Adegas Castrobrey (Vila de Cruces), Gures (A Coruña), Muuhlloa Cosmética Galega (Monterroso), Serrín Ultramarinos (Madrid), Orballo (Oleiros), Sovoral Apicultura Orgánica (Xunqueira de Ambia), Quesería Daniberto (Vilalba), Panadería Divina (Santiago de Compostela), Vermú Petroni (Padrón), Adegas Celme (Castrelo de Miño), Bodegas Lodeiros (Santiago de Compostela), Cooperativa Productores Campo Capela SCG (A Capela); ademais de Terras da Mariña, S.Coop.Galega (Lourenzá) e Jamones González (O Corgo), ambas certificadas por Galicia Calidade.

Os profesionais encargados de ofrecer os showcookings serán os cociñeiros do Grupo Nove Lucía Freitas, do restaurante A Tafona (Santiago de Compostela), Iñaki Bretal, de O Eirado da Leña (Pontevedra), e Juan Crujeiras, do Restaurante Bido (A Coruña), así coma o chef Jorge Gago do Restaurante A Maceta (Santiago de Compostela) que incluirá no seu showcooking unha maridaxe con viños da D.O. Valdeorras. Os showcookings realizaranse entre o luns 28 e o xoves 31 de maio en horario de 14:00 a 15:30 horas e a asistencia será con invitación.

Galicia Calidade patrocinará os showcookings de Iñaki Bretal o martes 29 e o de Juan Crujeiras, o xoves 31, así como unha cata de viños certificados, que se celebrará mañá sábado 26 entre as 12:30 e as 13:00 horas, a cargo de Cristina Murga. Nesta cata mostrarase aos asistentes ao acto a calidade das catorce adegas, representando as cinco denominacións de orixe: Adega A Coroa e Bodegas Ruchel, da D.O. Valdeorras; Adega dos Eidos, Adega Valdés, Adega e Viñedos Paco & Lola, Adegas Terra de Asorei, Altos de Torona, Señorío de Rubiós e Vilarvín, da D.O. Rías Baixas; Bodegas Nairoa da D.O. Ribeiro; Gargalo e Quinta do Buble da D.O. Monterrei; e Regina Viarum e Vía Romana da D.O. Ribeira Sacra.

No showcooking do martes 29 de maio o chef Iñaki Bretal, do Restaurante Eirado da Leña, recoñecido co selo de Galicia Calidade e tamén pola Guía Repsol empregará produtos certificados pola marca de garantía das empresas Queixería Cas Leiras, Granja Campomayor, Rosa de los Vientos, Torre de Núñez, Cooperativa Terras da Mariña, Jamones González, Nor-ibérica de Bebidas e Quenza.

No caso de Juan Crujeiras, propietario dun restaurante distinguido co selo de garantía galego, o Bido, na Coruña, contará cos produtos de Coren, Conservas A Rosaleira, Luís Escurís Batalla, Jamones González, Cooperativa Terras da Mariña e Valtea.

O showcooking de Lucía Freitas será o luns 28, mentres que o domingo 27, de 17:00 a 20:30 horas, dirixirá un taller de elaboración de pans galegos, xunto co panadeiro Eladio Pazos, de Panadería Divina (Santiago de Compostela). Para participar é preciso inscribirse no correo tallerespopupgalicia@gmail.com e o custo é de 50 euros.

O luns 28 en horario de 16:30 a 18:00 horas terá lugar a cata comentada Irmáns de leite protagonizada polos queixos galegos con Denominación de Orige Protexida como o Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro, que estará aberta ao público ata completar aforo.

O sábado 2 de xuño realizarase a cata de viños D.O. Valdeorras Un brinde de sensacións, entre as 12:30 e as 14:00 horas, a cargo do Consello Regulador D.O. Valdeorras. A entrada será con invitación.

A Tenda Pop Up Galicia, Saberes e Sabores estará aberta de luns a xoves en horario ininterrompido de 12:30 a 21:30 horas, os venres e sábados de 12:00 a 23:00 horas e os domingos de 12:00 a 21:30 horas. A Terraza Galicia estará aberta todos os días que dure o evento en horario de 12:00 a 23:00 horas.