Novas

Conde subliña que a marca Artesanía de Galicia é o complemento perfecto das propostas máis innovadoras da alta cociña galega

2-10-2017

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou nas xornadas profesionais ‘Artesanía no Prato’, que buscan afondar nas sinerxías entre profesionais da cerámica, a madeira, o téxtil ou a coitelería cos hosteleiros e restauradores. O encontro busca converterse nunha cita de referencia para promocionar o produto artesán galego desde a creatividade. No programa previsto para hoxe inclúense, ademais de degustacións de diferentes produtos de denominación de orixe protexida e de conservas certificadas PescadeRías, un curso formativo e a proxección de ‘Cociñando na fin do mundo’ e ‘18 comidas’.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que a marca Artesanía de Galicia é o complemento perfecto das propostas máis innovadoras da alta cociña galega. Conde participou nas xornadas profesionais Artesanía no Prato, que onte e hoxe se celebran no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia. Este encontro, organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, busca converterse nunha cita de referencia para promocionar o produto artesán galego desde a creatividade.

Así, nesta primeira edición participan 32 obradoiros artesanais de Galicia que expoñen unha selección das súas mellores pezas de cerámica, a madeira, o téxtil, o coiro ou a coitelería pensadas para a hostalería e a restauración.

Tal e como sinalou o conselleiro, a artesanía e a gastronomía son “dous valores que temos en Galicia e que están moi focalizados no autor e polo tanto na creatividade”, polo que Artesanía no Prato é unha oportunidade para “buscar sinerxías entre dous eidos moi importantes da nosa economía, desde o punto de vista da imaxe e da Marca Galicia”.

O programa destas xornadas profesionais compleméntase con diferentes actividades como showcookings, cursos formativos e diferentes conversas. Así, o Espazo Cociña acolleu hoxe ás 13:30 presentacións de Jorge Gago (A Maceta, Santiago de Compostela), Álvaro Fuentes (A Meloxeira, O Grove) e Diego López Moli (A Molinera, Lalín), no marco da iniciativa Artesanía na lata, cociñando con conservas certificadas de PescadeRías.

Ademais, nesta mesma zona para prescritores o programa Do prato á mesa conta, en sesións de mediodía e serán, con espazos temáticos dedicados a diferentes produtos como o pan da man de Eladio Pazos (Santiago de Compostela), os queixos das diferentes denominacións de orixe protexidas a cargo de Faragulla Eventos (Chantada), o xamón de Torre de Nuñez, o sushi bar de Izakaya Markesa (Santiago de Compostela), os doces de A Maceta (Santiago de Compostela), o café de Óscar de Toro e os viños das diferentes denominacións de orixe protexidas.

Ademais, para hoxe ás 16,30 está prevista a proxección do documental Cociñando na fin do mundo, e ás 18:30 horas a película 18 Comidas, dirixida por Jorge Coira, e ao longo de toda a xornada celébrase un curso de instagram impartido polo artista plástico e fotógrafo José Lourenço.

A Consellería do Medio Rural colabora con este evento a través da compra dalgúns dos produtos galegos cos que se desenvolveron as receitas. Así, os cociñeiros que se deron cita na Cidade da Cultura deseñaron menús baseados na gastronomía galega, cos ingredientes amparados polas denominacións ou indicacións xeográficas protexidas da nosa comunidade. De feito, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, asistiu a esta xornada e sinalou que deste xeito “combinamos a artesanía galega con artesanía alimentaria e produtos de calidade diferenciada”, dous campos nos que “sabemos traballar moi ben”.